parlamento galego

BNG votará en contra da investidura de Rueda porque representa políticas que deixan unha Galiza en claro retroceso económico e social

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil critica a “submisión” do goberno galego ás directrices do PP de Madrid fronte ás prioridades da poboación galega

Afirma que o PP, con Rueda á cabeza, representa a privatización da Xunta e  entrega a Galiza aos intereses “dun puñado de empresas”

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, a deputada do BNG, Olalla Rodil reiterou que o BNG votará en contra da investidura do candidato do Partido popular, Alfonso Rueda porque representa as políticas que deixan unha “Galiza en claro retroceso” no ámbito económico e social.

Para deputada, a investidura de Rueda vén marcada pola “submisión” do candidato do PP a Madrid. Por primeira vez,  en 40 anos, explicou a nacionalista, o candidato non asistiu a rolda de  consultas para seren informado da proposta á presidencia da Xunta. Rueda preferiu estar  nunha  reunión do Partido Popular en Xénova antes que estar en Galiza para recibir o encargo do Presidente do parlamento.  Ademais engadiu que  o adiamento  ao día 9 para o  debate de investidura debeuse a  voda  do alcalde de Madrid, amigo do candidato feito, que ao seu xuízo constata  a supeditación  da axenda galega  ao calendario de vodas e festexos do PP.

Para Rodil, este proceder  demostra cal será o perfil do candidato á presidencia da Xunta, “primeiro o Partido, segundo  Madrid,  terceiro os colegas e en cuarto lugar,  as galegas e galegos”.

As  políticas do PP, explicou Rodil  representan o retroceso de  Galiza en moitos ámbitos: na sanidade pública, na ciencia e na investigación que  debera ser panca e motor de desenvolvemento económico no noso país e non podemos esquecer a realidade que está a vivir a industria, coa destrución de 40 mil postos de traballo en 14 anos como reflicte o informa do Consello Económico Social, CES).

“O BNG non vai apoiar un candidato que representa esa Galiza cada vez máis achicada, máis pequena, como consecuencia das políticas decisións que adoptou o PP”.

O  BNG, recalcou Rodil non votará  a favor de Rueda porque representa, coma ninguén, “a privatización da Xunta e a entrega sen cortapisas deste País a un puñado de empresas”,  poñéndolles unha alfombra vermella para rapiñar os recursos naturais das galegas e galegos como acontece coas empresas eléctricas ou con Altri. Por outra parte, esa drenaxe de fondos públicos  pola vía da privatización de servizos estendese ás residencias de maiores de Lugo e Santiago, construídas pola Fundación Amancio Ortega, onde o Goberno do PP entregou  a xestión a unha fundación que nin sequera se creou para xestionar servizos sociais.

Pero o PP non só drena recursos  privatizando servizos, tamén destina fondos públicos  a contratos a dedo e sen   licitación pública como os 1.300 contratos en 5 anos e cinco Millóns de Euros a EULEN.

Nesta lexislatura, indicou imos seguir construíndo unha alternativa solvente para garantir mellores condicións de vida e máis benestar ás galegas e galegos; aproveitando todo o potencial e os recursos que temos neste País e que deben poñerse ao servizo de Galiza, non dun puñado de empresas amigas do Partido Popular.

Intervención pública en Alcoa

A preguntas dos xornalistas sobre a futura venda de Alcoa, a deputada   denunciou  que volvemos a estar “na casilla de saída” e coa a ameazada da empresa de marchar sen ter feitos os investimentos previstos. Estamos, dixo, ante “a folla de ruta que vimos con Alcoa na Coruña” e dende o BNG só existe unha saída, “a intervención pública para que Alcoa continúe producindo aluminio primario en todo o Estado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG