O BNG vota na Eurocámara en contra do informe do PP sobre acuicultura

Ana Miranda
Ana Miranda

Ana Miranda advirte dos perigos para Galiza de instalar macropiscifactorías se se flexibilizan os criterios medioambientais como piden os populares

O BNG vota na Eurocámara en contra do informe do PP sobre acuicultura

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, votou na sesión plenaria do Parlamento Europeo en contra do informe presentado polo eurodeputado do grupo popular Carlos Iturgaiz sobre acuicultura. “Non se pode vulnerar a normativa galega cunha normativa da Unión Europea que vai en detrimento da pesca artesanal e o marisqueo do noso país”, afirmou.

O informe afirma que os procedementos máis complexos para as operacións de acuicultura “son os que atinxen aos requisitos medioambientais” polo que Ana Miranda advirte da posibilidade de abrir a porta á relaxación deses criterios medioambientais que poderían prexudicar as áreas protexidas na Rede Natura, como o caso do Cabo Touriñán.

Para o BNG “resulta imprescindible garantir a protección destes espazos naturais europeos”. A eurodeputada nacionalista lembra que a flexibilización de criterios para a aprobación dunha planta pode ser a porta aberta a instalar macropiscifactorías só por interese especulativo.

Ademais Ana Miranda advirte non só dos riscos medioambientais, senón dos perigos para a pesca artesanal, o cal ao seu xuízo suporía un risco “evidente” para os postos de traballo dependentes da baixura, da acuicultura extensiva e do marisqueo. Neste sentido a eurodeputada lembra o caso de Pescanova, que quería instalarse no Cabo Touriñán co amparo da Xunta.

Non repetir erros

“Non podemos permitírmonos o luxo de repetir os mesmos erros”, subliña Miranda ao respecto, considerando que o desenvolvemento económico non pode entenderse como unha flexibilización de criterios ambientais e a creación de macroinstalacións de acuicultura industrial nas nosas rías.