parlamento europeo

BNG volve denunciar na Eurocámara a manipulación e falta de imparcialidade na radio e a televisión públicas galegas

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda acusa ao PP de ocultar deliberadamente na Comisión de Peticións a denuncia do Comité Intercentros da CRTVG

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou hoxe na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a manipulación existente na televisión e a radio públicas de Galiza, así como o incumprimento por parte do Goberno galego do Partido Popular da Directiva de Servizos de Comunicación Audiovisual e a falta dos principios de imparcialidade, pluralismo e non discriminación.

Na súa intervención, -varias veces interrompida pola presidenta da Comisión-, Miranda tamén denunciou a ocultación e continuos retrasos no tratamento da petición presentada o pasado ano polo Comité Intercentros da CRTVG. Neste sentido, explicou que tras a solicitude formulada polo grupo parlamentar Verdes-Alianza Libre Europea para incluír esta petición, a súa inclusión foi retrasada en sucesivas ocasións, pese a que a petición é “perfectamente aceptable e plenamente conforme co Regulamento do Parlamento Europeo”.

“Gustaríame denunciar a completa terxiversación do debate que tivo lugar durante a reunión de Coordinadores desta comisión de Peticións en xaneiro de 2024, en relación coa decisión tomada sobre a Petición 0520/2023 presentada por José Santiago Alvite, en nome do Comité Intercentros da CRTVG, sobre o incumprimento da Directiva de Servizos de Comunicación Audiovisual por parte do Goberno galego”, sinalou a eurodeputada galega, quen acusou á presidenta de “falta de imparcialidade e de equidade no desempeño da súa función segundo os asuntos que se traten”.

Longa protesta

Tras pedirlle á presidenta da Comisión -do PP- que non a interrompera, Ana Miranda, denunciou que “o certo é que vostede non quere escoitar a voz dos denunciantes, representantes dos traballadores e traballadoras dos medios públicos de Galiza que veñen denunciando desde hai máis de 300 semanas”, en referencia ás protestas continuadas nos coñecidos como #VenresNegros. “Isto é moi lamentable. A súa actitude é unha ocultación pola súa parte, Presidenta, dunha longa denuncia cidadá sobre a manipulación que existe por parte do Goberno galego na Compañía de Radio Televisión de Galiza, faltando así ao cumprimento das súas funcións”, concluíu.

Esta denuncia presentada por traballadores e traballadoras do ente público galego foi declarada admisible pola Comisión de Peticións no mes de setembro de 2023, mentres no mes de novembro, na denominada reunión de coordinadores dos grupos políticos, produciuse un empate técnico á hora de decidir a inclusión desta petición na axenda de xaneiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG