BNG ve na revolta dos mártires de Nebra a mesma rebeldía que hoxe inspira as loitas por unha Galiza máis xusta

Homenaxe Mártites de Nebra
Homenaxe Mártites de Nebra

Mercedes Queixas: “Non calamos ante os recortes en sanidade, ante quen fai negocio coa vellez, ante quen espolia os nosos recursos ou vai contra o galego”

O BNG lembrou nun acto público aos Mártires de Nebra, a revolta de veciños e veciñas de Porto do Son que en 1916 se rebelaron contra o pago dun imposto que afectaba de cheo ao seu medio de vida, nunha loita agraria que para a deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, foi “un exemplo de dignidade e de mobilización de quen non aceptou a submisión ante o abuso do poder”.

Na súa intervención na homenaxe, Queixas lembrou que ese “exemplo cívico forma parte da memoria colectiva que nos pertence como pobo”, unha memoria que o centralismo dominante pretende ocultar “impoñendo a amnesia colectiva”. É a revolta “das persoas que se autoafirmaron na defensa da terra, que pelexan pola xustiza social”, recalcou.

Un exemplo que se repetiría moitas veces, tamén na historia recente, loitas populares en defensa do propio, como a revolta das labregas das Encrobas ou das marismas de Baldaio, citou Queixas.  “A terra para quen a traballa e a defende como parte do noso sustento e soberanía, fronte a quen pretende gobernar este País como se fose unha colonia, un botín para engordar a caixa de beneficios doutros”, recalcou en referencia, ao espolio eólico auspiciado polas forzas estatais en beneficio dunha presa de multinacionais.

Co este acto, o Bloque volve homenaxear a xente do común,  protagonistas dunha revolta que foi e aínda é “unha lección de amor propio, de defensa da igualdade, de orgullo por unha actitude ética ante a desigualdade”. Aínda hoxe, recalcou a deputada, Galiza segue soportando a discriminación derivada do centralismo.

Homenaxe Mártites de Nebra
Homenaxe Mártites de Nebra

“Aquel 12 de outubro de 1916, en Nebra, o himno da irmandade galega converteuse en semente, semente de vencer dunha rede de solidariedade e xustiza da veciñanza de Nebra que converteu a Ponte de Cans nunha ponte de dignidade tamén cara e o porvir”, salientou a deputada nacionalista. Esa revolta, e todas as que viñeron despois, demostran que os galegos e as galegas forman “un pobo vivo e combativo, que non se resigna ante o abuso, que non acepta a indiferenza, que combate a irrelevancia á que nos queren someter”.

Igual que os e as protagonistas daquela revolta, hoxe hai unha cidadanía viva, activa e rebelde que non cala: “Non calamos na loita pola recuperación do Pazo de Meirás e de todo o espolio franquista; non calamos ante os recortes da sanidade e educación públicas; ante a indecencia de converter o coidado das maiores nun negocio; ante que pretende espoliar os nosos recursos en beneficio dunha presa de multinacionais”, explicou.

Unha cidadanía combativa que tampouco cala, afondou Queixas, “cando queren silenciar a nosa voz prohibíndonos aprender en galego matemáticas, física ou tecnoloxía ou negan o uso da nosa lingua no Congreso”, enumerou, en referencia a algunhas das loitas e das batallas que hoxe libra unha parte maioritaria da cidadanía que o BNG comparte, impulsa e participa.

Queixas tivo tamén unhas palabras de lembranza para quen fora concelleira en Porto do Son, Ánxela Franco, “admirada e estrañada, como tantas compañeiras que hoxe dan o necesario paso adiante na defensa dunha nova Galiza, da Galiza que vén cargada de orgullo, esperanza e futuro”, unha galega loitadora como Francisca, Ramona, Generosa ou Rosa, protagonistas dunha revolta de dignidade que, un ano máis, o BNG homenaxea, nun acto no que tamén participaron Santiago Suárez, integrante da Asemblea local e historiador dos feitos, e Balbino González, portavoz municipal.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG