PARLAMENTO GALEGO

BNG ve nas contas da CRTVG a demostración evidente do seu nulo interese por librarse da cadea de dependencia da Xunta

María González Albert e Olalla Rodil
María González Albert e Olalla Rodil
María González Albert recrimina ao ente que o proceso extraordinario de consolidación de emprego non soluciona o abuso da contratación temporal
BNG ve nas contas da CRTVG a demostración evidente do seu nulo interese por librarse da cadea de dependencia da Xunta

O BNG considera que as contas anuais 2019 da CRTVG presentadas no Parlamento galego reflicten unha vez máis a falta de interese do ente público “por dar un salto de calidade e por librarse da cadea de dependencia da Xunta para facer unha televisión independente que se converta en modelo de referencia para o país”. Así o manifestou a deputada María González Albert na comisión parlamentaria de control da CRTVG, logo de que o seu director, Alfonso Sánchez Izquierdo, presentara o informe anual correspondente ao pasado exercicio.

González Albert salientou o balance positivo de 1,7 millóns pese á “caída en picado” dos ingresos publicitarios, un balance global que podería ter ascendido a 4 millóns no caso de terse feitas efectivas as previsións iniciais para este capítulo o que, segundo recalcou, “semella unha barbaridade dende o punto de vista da xestión de recursos cando o que se pretende é prestar un servizo público de calidade”.

“Igual se os ingresos en publicidade deixasen de caer en picado -asegurou- vostedes poderían ter un pouco máis de independencia do poder político que os sustenta e as e os profesionais da CRTVG, que o están desexando, poderían facer unha información veraz, plural e independente”.

Logo de afear o conflito do IVE e a súa vinculación ao contrato-programa da compañía, tamén recriminou ao director do ente o capítulo do informe dedicado á área laboral, ámbito do que destacou a elevada conflitividade laboral. “Vostede limítase a menosprezar ao persoal da CRTVG que pelexa polo cumprimento da lei de medios e por recuperar a independencia informativa”, reprochou, para alertar a continuación sobre o anunciado proceso extraordinario de consolidación de emprego. “Trátase dunha convocatoria de procesos selectivos que non é hoxe unha solución xusta á problemática continuada de abuso da contratación temporal”, concluíu González Albert.

Pola súa banda, a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, reclamou á corporación que axilice a posta en funcionamento da plataforma propia OTT, da que advertiu, “malia os anuncios, todo apunta a que rematará o ano e aínda non será unha realidade”. Rodil considerou central a OTT á hora de mellorar a programación infantil e xuvenil e facilitar “o trasvase da audiencia máis nova cara ás plataformas e aplicacións dixitais”.

 

BNG ve nas contas da CRTVG a demostración evidente do seu nulo interese por librarse da cadea de dependencia da Xunta