CONGRESO

O BNG valora como insuficiente o acordo inicial de transición enerxética e lamenta a ausencia de Galiza

Térmica As Pontes (Foto: Wikipedia)
Térmica As Pontes (Foto: Wikipedia)

Néstor Rego sinala que a emerxencia sanitaria fai máis necesario que nunca un impulso económico que compense a profunda crise industrial que xa estaba a vivir Galiza.

A deputada Noa Presas denuncia que as empresas non asumen compromisos concretos a respecto do mantemento do emprego, das condicións laborais nin de investimentos propios.

O BNG valora como insuficiente o acordo inicial de transición enerxética e lamenta a ausencia de Galiza

A respecto do acordo asinado por Goberno español, (as ministras de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera e de Traballo, Yolanda Díaz), sindicatos estatais e compañías titulares das centrais térmicas de carbón (Endesa, Iberdrola, Naturgy) para consolidar as bases dos convenios de transición xusta, o BNG entende que é decepcionante e un mal precedente para un dos retos industriais máis importantes que ten a Galiza por diante, ao estar afectada dunha forma transcendental polas repercusións do fechamento de Meirama e As Pontes, sen que nestes anos Xunta ou Estado tivesen traballado a prol dunha alternativa.

Para o BNG a folla de ruta asinada ten moitas carencias que deberán ser corrixidas. En primeiro lugar porque carece de compromisos orzamentarios. Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala que a emerxencia sanitaria “non pode ser unha desculpa para minorar esforzos económicos, ao contrario, a necesidade de impulso económico é e será maior, máis aínda tendo en conta que a crise da covid-19 vén a agravar a profunda crise industrial que xa estaba a vivir Galiza”.

Pola súa parte, a deputada no Parlamento da Galiza, Noa Presas, sinala que o compromiso de remisión por parte das empresas de plans de acompañamento “é un brinde ao sol, xa que non se lles exixen mínimos a respecto do mantemento do emprego, das condicións laborais nin de investimentos propios”. Aliás, o acordo non recolle medidas suficientes a respecto da industria auxiliar, deixando o seu futuro na man da vontade das empresas, que realmente non fican comprometidas a nada.

Ademais, o acordo exclúe Galiza dos foros de decisión e da Comisión de Seguimento. A folla de ruta asinada baséase novamente nunha óptica centralista afastada da realidade concreta do noso País. Os deputados nacionalistas advirten que este foi o enfoque dos sucesivos Plans Carbón que se saldaron para o noso país primeiro con incumprimentos nos investimentos e despois coa exclusión, “o que tamén fai que hoxe o punto de partida sexa desigual e que Galiza deba ser compensada polos anteriores agravios de gobernos do PP e do PSOE”, apunta Néstor Rego.

Para o BNG, para que a transición enerxética sexa realmente xusta non pode ser decidida desde os despachos de Madrid, excluíndo dos foros de decisión a representación galega, quer no plano institucional á Xunta de Galiza, quer no sindical ao sindicalismo nacionalista, maioritario no noso país.

Noa Presas advirte que o BNG velará porque Galiza sexa respectada e escoitada e lamenta que o goberno de Núñez Feijoo “estea centrado unicamente en continuar a súa campaña electoral no lugar de exercer as súas competencias en materia de industria e reclamar que Galiza teña voz e voto”. “É escandalosa a súa renuncia a defender os intereses de Meirama e As Pontes”, enfatiza a deputada nacionalista.

O BNG vén defendendo que Galiza teña voz e voto nas negociacións referentes á progresiva fin do carbón para garantir que se dea en condicións de igualdade e evitar un novo fracaso con graves consecuencias laborais e sociais.

 

O BNG valora como insuficiente o acordo inicial de transición enerxética e lamenta a ausencia de Galiza