O BNG valora accións legais contra Feixóo tras coñecerse que mentiu sobre á auditoría de KPMG

Solicita a comparecencia do presidente da Xunta despois de que un responsable da empresa declarase no Congreso que non se recomendou a fusión das caixas galegas

O BNG valora accións legais contra Feixóo tras coñecerse que mentiu sobre á auditoría de KPMG

O BNG estuda posibles accións legais contra o presidente da Xunta despois de que un responsable da empresas KPGM declarase no Congreso que nin a documentación aportada era unha auditoría nin recomendaba a fusión das caixas galegas o que, de confirmarse, supón un caso de “gravidade extrema” de falsificación documental e de prevaricación.

“Ten que vir dar a cara para explicar porque dixo que existía unha auditoría que agora resulta que nin é auditoría nin avalaba a fusión das caixas galegas, que acabou co descalabro do noso sistema financeiro”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, non só por razóns de ética política “na que a mentira non debería ter cabida”, senón tamén porque poden ser feitos constitutivos de delito penados mesmo con inhabilitación para cargo público de ata vinte anos.

“Non se pode seguir agochando a verdade é imos solicitar de novo que se faga pública esa suposta auditoría pola que pagamos un millón de euros sen que pase nin un minuto máis sen que saibamos en que consistía”, subliñou Pontón, quen deixou claro que o BNG “non vai deixar pasar unha cuestión tan grave e de tanta transcendencia para o país”.

A portavoz nacionalista avanzou que o Bloque e o resto das forzas políticas da oposición solicitan a comparecencia urxente de Feixóo, ao tempo que cualificou de “tomadora de pelo” que o PP bloquee o funcionamento da comisión de investigación das caixas de aforro impedindo que remate ou seus traballos “porque non ten ningún interese en pechar este asunto”.

Ademais, desde o punto de vista xurídico, o Bloque “está estudando se hai lugar a posibles accións legais tanto senón existe a auditoría como se esta non recomenda a fusión, porque daquela estariamos ante un caso de falsidade documental ou de prevaricación, que está a estudar o servizo xurídico do BNG dada a gravidade do asunto desde o punto de vista político e económico, pero tamén da responsabilidade penal do presidente da Xunta, que non pode agocharse mais”, concluíu.