BNG urxe á Xunta a nomear director do CGAI, mellorar as súas instalacións e reimpulsar a actividade do centro

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas reclamou incrementar o persoal para xestionar o patrimonio audiovisual e cultural galego

Lamentou que, unha vez máis, o director de AGADIC eludira responder ás preguntas formuladas polo BNG sobre a actual situación do centro e a súa planificación futura

A deputada do BNG, Mercedes Queixas preguntou na comisión de Cultura, celebrada no Parlamento galego, polas previsións  da  Axencia Galega de Industrial Culturais (AGADIC) sobre o  Centro Galego de Artes e Imaxe (CGAI) na actualidade, “sen dirección e coa biblioteca e mediateca pechadas”.

A deputada urxiu ao goberno a  “repoñer un director ou directora no CGAI” mellorar as súas instalacións e impulsar a actividade audiovisual e cultural. Na actualidade, dixo, a biblioteca e mediateca permanecen pechadas e as proxeccións reducíronse de dúas a unha. Mercedes Queixas insistiu na necesidade de “investir para resolver o deterioro  das instalacións do centro” entre as que destacou a cabina de proxección e a sala de exposicións.

Pola súa parte o director de AGADIC, Jacobo Sutil anunciou que  despois  da aprobación do novo estatuto da Axencia será nomeada a dirección do CGAI. A deputada lembrou que o centro leva ano e medio sen dirección.

 Queixas afirmou que os éxitos do audiovisual responde á  “sementeira de hai anos” pero na actualidade descoñecemos cal é a sementeira  co que contamos para recoller nos vindeiros anos un produto colectivo no ámbito do audiovisual e cultural.

 A deputada insistiu na necesidade de recuperar o calendario de proxeccións e adecualo a un horario que facilite o seu visionado e noutra orde de  cousas, criticou que o director de AGADIC, Jacobo Sutil eludira responder ás preguntas formuladas polo BNG a respecto da partida económica e prazos para mellorar o Centro Galego de Artes e Imaxe, (Filmoteca de Galiza). Neste sentido, asegurou que os traballadores e traballadoras, así como as persoas usuarias do centro demandan esta  información. 

Xestión da documentación

A biblioteca e a mediateca están pechadas desde hai anos ao deixar de ter persoa encargada dela, o que contrasta coa extensa capacidade dinamizadora cultural que esta filmoteca tivo na cidade da Coruña. Do mesmo xeito é “alarmante” a falta de recursos para a necesaria preservación do arquivo histórico ou a dificultade de ensanchamento do proxecto didáctico que apenas se sosteñen grazas ao compromiso do tan minguado cadro de persoal actual polo que  deputada volveu a preguntar  en que condicións se atopa o arquivo patrimonial e que medios implementarán para facilitar o acceso á biblioteca, de maneira presencial e  dixitalmente.

Pola súa parte, Jacobo Sutil avanzou que a praza de director será cuberta proximamente, despois da publicación do estatuto de AGADIC e con base na sede da Filmoteca. Até agora, afirmou, a xestión do CGAI era responsabilidade dos traballadores e traballadoras.

A nacionalista asegurou que despois da intervención de  Sutil á que sumou  recentes comparecencias do Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade  “non  esclareceron nada nin transmitiron a planificación dun centro estratéxico do noso patrimonio cultural como é o CGAI”,  e que ano e medio despois “segue sen ver cuberto o posto de dirección e sen un proxecto de consolidación e avance deste espazo único a nivel galego e de referencia estatal”.

Mercedes Queixas anunciou que o BNG seguirá rexistrando iniciativas parlamentarias demando información sobre as previsións do goberno para recuperar a actividade audiovisual e cultural do  CGAI.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG