BNG urxe á Xunta a analizar o abuso da contratación temporal e buscar unha solución para as e os traballadores afectados

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés critica a súa irresponsabilidade por descoñecer o número de persoas abusadas e pide negociar cos sindicatos para resolver o problema

O BNG urxiu á Xunta no Parlamento galego a analizar en profundidade a situación das e dos traballadores en situación de abuso da contratación temporal e negociar coas organizacións sindicais unha solución para resolver este problema.  

Nunha pregunta en pleno parlamentario, o portavoz nacionalista de Institucional, Iago Tabarés, considerou “unha neglixencia e unha falla de responsabilidade na xestión dos intereses públicos” o descoñecemento por parte do Executivo galego do número exacto de persoas en fraude de lei por abuso na temporalidade. “Como é posible que non coñezan con exactitude o número de traballadoras nesta situación? Que pasaría se os tribunais, ante o incumprimento do Estado, lles recoñecese un dereito a unha indemnización disuasoria? Ou se lles recoñece a fixeza? Cantas prazas terían que duplicar?”, cuestionou con severidade.

Tabarés recordou as sentenzas do Tribunal de Xustiza Europeo sobre o incumprimento na transposición ao dereito interno da directiva comunitaria 70/1999 e o abuso da temporalidade nas administracións do Estado español, abuso ao que, segundo recalcou, “non é alleo a Xunta, malia que non se poida coñecer o exacto alcance da situación, nin as consecuencias do mesmo”.

Neste sentido, advertiu de que o propio portal de transparencia da Administración galega evidencia que a temporalidade excede do 25%, existindo ámbitos como o ensino ou a sanidade no que supera o 30% do persoal ao seu servizo, ou mesmo chega ata o 90% en organismos como o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

O deputado nacionalista cualificou estas porcentaxes de “temporalidade evidentemente excesiva”, se ben puntualizou que non se pode identificar plenamente cunha situación de fraude de lei por abuso da temporalidade, xa que poden existir contratos temporais que non sexan en fraude de lei ou darse situacións de fraude de lei que non son por abuso da temporalidade.

Tabarés asegurou que o cumprimento futuro da directiva comunitaria “non te excesiva complexidade” -dado que abondaría vontade política e chegaría con eliminar a taxa de reposición, respectar as OPES, establecer un réxime sancionador para as Administracións incumpridoras e fixar indemnizacións efectivamente disuasorias para os casos de abuso­-, mais considerou urxente dar solución ás persoas que dende hai anos levan padecendo unha situación de abuso da temporalidade. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG