BNG urxe á Xunta a abandonar a súa opacidade e responder ás solicitudes de documentación que oculta ao Parlamento

Dani Castro
Dani Castro

Daniel Castro recrimina ao PP o incumprimento da lexislación vixente nun “comportamento antidemocrático” que acrecenta o seu “escurantismo”

O deputado nacionalista Daniel Castro defendeu na comisión parlamentaria de Institucional unha proposición non de lei para exixir á Xunta que cumpra coa legalidade vixente e atenda á maior brevidade posible os requirimentos de documentación e información realizados polo BNG ao amparo do artigo 9 do regulamento do Parlamento, en concreto, preto de 600 dos que o 75% están sen responder pese a que o Executivo ten a obriga de facelo en 30 días.

Logo de advertir que máis de 300 das solicitudes de documentación realizadas polo Bloque “teñen máis dun ano de antigüidade”, Castro indicou que a información que o Goberno do PP nega “de xeito deliberado” é moi importante e, en determinados casos, dunha “grande gravidade ou sensibilidade”, como é o caso, entre outros, das listas de agarda de atención hospitalaria, as actas de inspección da residencia de maiores Mi Casa, a lista de parques eólicos en Rede Natura ou os contratos dende 2009 da Xunta con Eulen, empresa na que traballa a prima de Núñez Feixóo e que ten incrementado a facturación coa Administración galega nos últimos anos.

O deputado nacionalista acusou ao Executivo dun comportamento “abertamente antidemocrático” ao “ocultar deliberadamente documentación”, o que considerou “moi grave en democracia” e algo que non fai ademais máis que “axudar a que ese escurantismo que rodea constantemente ao PP se vaia facendo cada vez máis e máis grande”.

“É moi preocupante que vostedes traten ao Goberno galego e ao Parlamento de Galiza como se fosen a súa leira privada, o seu pequeno negocio, o quiosco que poden abrir e pechar cando lles veña en gana”, recriminou á bancada popular, á que advertiu a continuación que o Parlamento é o lugar onde reside a vontade dos galegos e as galegas ao que, polo tanto, debe respecto, na vez de “tratalo coma se este edificio estivese en Génova 13 e non na rúa do Hórreo”.

Despois de reprochar a negativa da Xunta a facilitar, a pregunta do Bloque, ningunha explicación sobre esta cuestión no último pleno parlamentario, Castro insistiu na urxencia de que o Executivo do PP dea resposta ás solicitudes de documentación realizadas. “Volvemos hoxe ao Parlamento a pedir que o Goberno faga algo tan revolucionario e radical como cumprir o regulamento, cumprir o que o propio Goberno se encomendou a facer”, incidiu, para sinalar a continuación que cando evita responder a quen está a fallar é aos galegos e galegas, “que teñen dereito a coñecer estes documentos”. Pese aos argumentos do deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG