congreso

BNG urxe rematar coa discriminación que sofre As Pontes para asegurar investimento e novas actividades económicas e industriais

Néstor Rego e Carmela Franco
Néstor Rego e Carmela Franco

“As últimas declaracións de Formoso evidencian unha falta de coñecemento e pretenden desviar o discurso, por obediencia política centralizada, ao verdadeiramente importante” apunta Carmela Franco

“Queremos que se recoñeza a capacidade de 1.400MW do nó de evacuación e que se proceda á convocatoria do concurso de transición xusta” sinala Rego

O Bloque Nacionalista Galego está levando cabo actuacións a nivel municipal, no Parlamento de Galiza e nas Cortes do Estado para que o Goberno recoñeza a capacidade de 1.400MW do nó de evacuación da Central Térmica das Pontes e que se proceda á convocatoria do concurso de transición xusta rapidamente. A organización nacionalista sinala que estas actuacións son as únicas que poden asegurar investimentos nas Pontes e novas actividades económicas e industrias para o futuro da comarca.

A portavoz municipal do BNG no Concello das Pontes, Carmela Franco, e o deputado na cámara baixa, Néstor Rego, dan conta en rolda de prensa das actuacións que a organización soberanista rexistrou xa, máis unha vez, nos últimos días para garantir o futuro da actividade económica e industrial após o fechamento da Central Térmica das Pontes. Unha ofensiva institucional que procura o “recoñecemento da capacidade de 1.400MW do nó de evacuación e que se proceda á convocatoria do concurso de transición xusta”.

“Case catro anos despois, superando en máis do dobre os prazos de peche do resto de térmicas do Estado, publicouse a resolución autorizando o peche da central das Pontes resolvendo a petición de ENDESA. Os tempos evidencian o manexo político e electoral demorándose sen xustificación algunha doutro tipo” apunta a voceira do BNG nas Pontes. Segundo lembra Carmela Franco, a día de hoxe non se desenvolveu ningunha medida dentro do denominado “proceso de transición xusta”.

“A día de hoxe non está materializado nada do comprometido polo MITECO, como a promesa de abrir un concurso de transición xusta, en 2021, para os 1.400MW do nó de acceso da central. Pola contra, agora anuncia que a capacidade é de cero MW, anulando a posibilidade de proxectos garantidos e avalados polo concurso” denuncia Franco.

Galiza discriminada polo Estado: o caso da central das Pontes

Noutras centrais, compara Franco como a de Andorra hai comprometidos investimentos da orde de 1.500M€ e que conta cun plan socioeconómico con máis de 6.600 empregos nas obras de instalacións e 1.100 fixos. “A este concurso séguelle o da Lancha, en Córdoba, e outros cinco máis para os que o MITECO inicia o trámite do concurso con capacidade para 1.300MW” sinala Franco.

“Estes últimos datos apuntan que a Galiza e Castela A Mancha son os únicos territorios en que os nós de transición seguen sen concursar. O BNG non se contenta con asumir que isto sexa un erro porque o proceso no seu conxunto é político, con criterios políticos que se poden modificar” engade.

“A discriminación que sofre o País é evidente mais parece que o Partido dos Socialistas de Galiza está disposto a aceptar mesmo cando o seu Secretario Xeral é o alcalde das Pontes” subliña o deputado do BNG no Congreso. “O Goberno español debe explicar por que non se recoñecen os 1.400MW de capacidade do nó de evacuación das Pontes e explicar por que foron adxudicados, parcialmente, en concurso a ENDESA sen contrapartidas” recrimina o deputado do BNG no Congreso, “especialmente cando o Ministerio acaba de facer público que van ter Concurso de Evacuación outras centras térmicas como a de Velilla (Palencia), Lada (Asturias), La Robla (León), ou máis unha vez a de Andorra (Teruel), xunto coa central nuclear de Garoña (Burgos), porén As Pontes e Meirama seguen discriminadas e sen Concurso de Transición Xusta”.

Compromiso e defensa dos intereses das Pontes

Segundo sinala o deputado nacionalista, calquera representante deste país, como fai o BNG, debe “defender os intereses da Galiza por encima de todo” e, especialmente, nun contexto de crise industrial xa cronificada no noso País coa perda de máis de 45.000 mil postos de traballo na actividade industrial nos último 14 anos, coa pasividade da Xunta de Galiza de Núñez Feijóo e do Goberno español.

“A resposta do MITECO e ENDESA non pode nin debe ser un peche e un desmantelamento sen continuidade nin garantías” afirma Carmela. Neste sentido, “as últimas declaracións de Formoso evidencian unha falta de coñecemento e pretenden desviar o discurso, por obediencia política centralizada, ao verdadeiramente importante que é o recoñecemento dos 1.400MW e da necesidade do concurso de transición xusta”.

“A responsabilidade de ENDESA ten que ir máis alá. Non seremos a vangarda das demandas de ENDESA ante a Xunta de Galiza” defende Franco

“Tampouco nos contentamos, nin imos permitir, que ENDESA, despois de 45 anos explotando os nosos recursos, pretenda abandonar As Pontes a cambio dun obrigado desmantelamento e descontaminación do solo, dun vertedoiro de cinzas clausurado e dunha plataforma loxística de aeroxeradores. Máis aínda cando leva rédito da instalación de 5 parques eólicos, sen pasar por concurso, e que restan capacidade ao nó de acceso a cambio de nada”

Futuro para a comarca das Pontes

Á iniciativas do BNG rexistradas na anterior lexislatura, o MITECO “botaba balóns fóra sinalando que a competencia era da Rede Eléctrica Española” e Rego avanza actuacións coa entidade para resolver o problema. Paralelamente, o deputado engade que reclamará “a quen ten responsabilidade política de xestionar a transición xusta, que é o Goberno e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, e poña en marcha un concurso de transición xusta”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG