CONGRESO

BNG urxe o Goberno a modificar a normativa de espazos mineiros que permite converter a canteira da Casalonga de Teo nun vertedoiro

Néstor Rego
Néstor Rego
A formación nacionalista volve rexistrar iniciativas no Congreso tras a resposta do MITECO e a súa postura “pasiva e despreocupada”

 

Madrid, 13 de xuño de 2021.

BNG urxe o Goberno a modificar a normativa de espazos mineiros que permite converter a canteira da Casalonga de Teo nun vertedoiro

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reitera a urxencia de que o Goberno do Estado modifique a normativa que regula a rexeneración de espazos mineiros para impedir a macrooperación de depósito e enchido de verteduras en Casalonga, no municipio de Teo. A resposta do executivo español a unha pregunta da formación nacionalista deixa ver a actitude pasiva e de despreocupación a pesar da problemática social e o movemento de protesta da veciñanza.

O proxecto dunha empresa de xestión de residuos que pretende explotar a canteira de Casalonga, no Concello de Teo, leva anos sendo obxecto dun movemento social de protesta e oposición. Nun primeiro momento, foi presentado como proxecto para albergar unha planta de  biogás, a partir de residuos orgánicos diversos, e apoiado por outra de “valorización” de residuos de construción e demolición. Posteriormente, ante a forte presión veciñal e a demostrada a incompatibilidade co plan urbanístico, descartouse para que a empresa promotora reformulase o proxecto converténdoo nunha aparente actividade de aproveitamento mineiro de áridos e a progresiva restauración do oco da canteira.

“A normativa estatal actual que regula os espazos degradados pola actividade mineira permite convertelos en vertedoiros soterrados, moi perigosos do punto de vista da contaminación medioambiental” destaca o deputado do BNG no Congreso. Por este motivo, traslada ao Goberno do Estado a “necesidade e urxencia” de modificar a lexislación vixente, a comezar polo Real Decreto 105/2008, polo que se “regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición”, e o Real Decreto 975/2009 sobre a xestión dos residuos das industrias extractivas e de e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras.

Mais o Goberno do Estado continúa a manter unha postura de “pasividade e despreocupación”. “Responde que non lle parece necesario nin urxente facer esa reforma e xustifica que a normativa actual xa regula estes espazos” recrimina Rego. “Consideramos que estas disposicións estatais deben afondar máis nun desenvolvemento técnico e normativo que achegue un maior contido e detalle na regulación destas operacións co obxectivo de fechar as portas traseiras que, na práctica, permiten subverter as restauracións de espazos degradados que acaben sendo entulleiras encubertas e cun alto risco de contaminación nos territorios inmediatos onde son emprazados” subliña o deputado.

Así mesmo, lembra que a empresa “está aproveitándose da ambigüidade do texto que permite unha ampla marxe interpretativa de ditas normas, por iso é necesario reformalas para garantir que non sexan utilizadas para a realización de operacións fraudulentas na eliminación e xestión dos residuos”.

BNG urxe o Goberno a modificar a normativa de espazos mineiros que permite converter a canteira da Casalonga de Teo nun vertedoiro