Congreso

BNG urxe o Goberno garantir o uso do galego na UNED

Néstor Rego
Néstor Rego

Após os casos de suspensos do alumnado na UNED por empregar linguas oficiais distintas do español, o BNG rexistra iniciativas para que se garantan os dereitos lingüísticos

“O ministerio de Universidades debe adoptar, á maior brevidade, as medidas precisas para resolver esta situación e evitar que se repita” alega

O deputado do BNG no Congreso rexistra iniciativas para que o Goberno do Estado impulse as medidas necesarias para garantir que o alumnado da UNED poida realizar os seus exames na lingua oficial do seu territorio distinta do español. Os recentes suspensos do alumnado unicamente por empregar o galego, denuncia Rego, non poden volver a producirse e o Ministerio de Universidades debe actuar para garantir que, en cumprimento coa lei, o alumnado poida empregar a lingua oficial da súa elección.

Máis unha vez, houbo alumnado da UNED que, por responder o seu exame en galego nun centro situado na Galiza, foi suspendido co único argumento do profesor responsábel, durante a revisión, que “o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán” e que, en consecuencia, “non ten a obriga de corrixilo”.

“Non podemos entender que se siga a suspender ao alumnado por escribir en galego na Galiza. A UNED, como universidade pública, debería promover e respectar a oficialidade do galego” sinala Rego. Máis, continúa, canto nos propios Estatutos da Universidade asume como misións fundamentais a inserción e coordinación entre os diferentes centros asociados de cada unha das Comunidades Autónomas así como o apoio ás linguas e culturas de España e mesmo colaborará coas Administracións Autonómicas para a difusión da lingua, a cultura e o mellor servizo aos cidadáns en educación superior.

No Regulamento das probas presenciais da UNED aprobadas polo Consello de Goberno, explica o deputado do BNG, non se prohibe, en ningún caso, a realización das probas nas linguas oficiais distintas do español. “Mesmo, a Lei estabelece que os profesores e o alumnado no nivel universitario teñen o dereito a empregar, oralmente e por escrito, a lingua oficial da súa preferencia” reivindica Rego.

“O Goberno e, concretamente, o Ministerio de Universidades, deben adoptar as medidas precisas para resolver esta situación e evitar que se repita, para asegurar que no futuro se podan realizar os exames en calquera das linguas oficiais do Estado español” demanda Néstor Rego.

Cumprir cos Estatutos e ofrecer a información tamén en galego

Así mesmo, a organización nacionalista aproveita para lembrar que a UNED debe “cumprir cos seus Estatutos” ofrecendo que na súa web, contidos e materiais estean dispoñíbeis nas distintas linguas oficiais. Segundo o texto aprobado, a UNED “potenciará a docencia e o coñecemento das linguas oficiais españolas, tanto en España como no exterior” e, da mesma forma, “incorporará progresivamente as linguas oficiais españolas ás páxinas web e demais publicacións da Universidade, especialmente en Comunidades con dúas linguas oficiais, cuxos Centros Asociados propiciarán a convivencia enriquecedora das dúas linguas en todas as súas actividades”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG