PARLAMENTO GALEGO

O BNG urxe a comparecencia do conselleiro de Medio Rural ante a vaga de incendios en Ourense que se repite cada ano

Incendio de Verín. Foto Twitter @BrifLaza (arquivo)
Incendio de Verín. Foto Twitter @BrifLaza (arquivo)
Pontón critica que o Goberno do PP traslade á sociedade que non hai alternativas para acabar cos lumes,  cando é o primeiro problema ambiental de Galiza
O BNG urxe a comparecencia do conselleiro de Medio Rural ante a vaga de incendios en Ourense que se repite cada ano

Máis de 7.000 hectáreas queimadas nos últimos días en Ourense afectando a concellos que cada ano arden de maneira reiterativa como Cualedro, Vilar de Barrio, Rairiz de Veiga, Laza, A Gudiña, Maceda, Chandrexa de Queixa ou Lobios, mesmo afectando a zonas protexidas e de alto valor ambiental e ecolóxico.

Fronte a esta situación, o BNG pide a comparecencia de conselleiro de Medio Rural para que explique a actuación da Xunta ao tempo que a portavoz nacional, Ana Pontón, reprocha ao Goberno de Feixóo que pretenda trasladar á sociedade a idea de que non hai alternativas ante os incendios: “é o mellor retrato dun goberno que non ten nada que aportar ante un dos maiores problemas ambientais de Galiza”.

A líder do BNG pide “poñer en marcha unha política eficaz de coidado e preservación do monte, do seu aproveitamento integral e de recuperación do medio rural” porque, de seguir coa mesma política forestal, “seguirá un problema que ten un coste ambiental, económico e social moi grave, mesmo con custe en vidas humanas”, e deixa claro que “un monte limpo e ordenado limita a capacidade de quen quere prender lume”.

Pontón trasladou todo o apoio do BNG aos traballadores e traballadoras das brigadas de extinción que están facendo un labor “extraordinario” para conter os lumes e tamén á veciñanza dos municipios afectados “que viven horas de tensión e de angustia ante o que supón a acción devastadora dos incendios”.

“Os incendios que hoxe asolan Ourense son un exemplo de como aplicar vellas políticas fracasadas conducen irremediablemente aos mesmo resultados fracasados. Hai que poñer en marcha unha auténtica política forestal de recuperación do territorio, co obxectivo de ter un monte limpo, ordenado, produtivo e multifuncional os 365 días do ano como elemento clave de recuperación do rural. Só así se poderá solucionar o que hoxe un problema ambiental que ten un enorme custe económico e social”, concluíu.

Improvisación e máis improvisación no inicio de curso

A preguntas dos medios sobre a última proposta do Goberno de dar “liberdade aos centros”, Pontón considera que se trata dun novo “exemplo de improvisación da Consellería de Educación ante a súa incapacidade para afrontar o inicio do curso coas máximas garantías sanitarias e educativas”. Non é serio, indicou, que Feixóo “declarase que non podía haber 17 protocolos pero que agora o seu goberno non teña ningún para o regreso ás aulas  e que a solución sexa dicirlles aos centros que se busquen a vida, porque o Goberno aplica a máxima do sálvese quen poida”.

Ao mesmo tempo, tamén se pregunta cal é o Plan B da Xunta ante un posible gromo que faga necesario pechar aulas e mesmo centros, “a resposta ante un asunto de tanta transcendencia non pode ser improvisación, improvisación e máis improvisación”, concluíu.

 

O BNG urxe a comparecencia do conselleiro de Medio Rural ante a vaga de incendios en Ourense que se repite cada ano