CONGRESO

BNG urxe ao Goberno do Estado a mediar para impedir o ERE en GABADI

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama a derrogación da Reforma Laboral, compromiso adquirido polo executivo estatal desde o comezo da lexislatura

A formación nacionalista recrimina que as empresas empreguen de maneira fraudulenta da Reforma Laboral aínda tendo carga de traballo suficiente

BNG urxe ao Goberno do Estado a mediar para impedir o ERE en GABADI

 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acaba de rexistrar iniciativas para que o Ministerio de Traballo actúe coa maior rapidez e impida a aplicación fraudulenta do ERE a 36 do persoal na empresa ferrolá GABADI. Así mesmo, a formación nacionalista lembrou ao Goberno do Estado o compromiso adquirido, ao comezo da lexislatura, para derrogar as Reformas Laborais que son lesivas e prexudiciais para a clase traballadora.

A empresa GABADI, asentada na comarca de Ferrol, acaba de fechar sen acordo o período de negociación dun ERE extintivo por causas produtivas e organizativas. Este Expediente de Regulación de Emprego supón o despedimento de 36 persoas dun total de 169 traballadores e traballadoras, máis de 20% das empregadas. A empresa, na actualidade, conta cunha actividade moi diversa dentro do mercado de construción naval e cunha ampla lista de clientes a nivel internacional.

“Durante a negociación do ERE producíronse feitos que desmenten a necesidade de executar os despedimentos posto que se tiveron que levar a cabo unha enchente de horas extra e mesmo a contratación de empresas externas para realizar os traballos” subliña o deputado nacionalista. Por este motivo, Néstor Rego entende que o Ministerio de Traballo debe actuar “coa maior rapidez” para evitar os abusos da empresa e “empregar todas as medidas ao seu alcance para conseguir que GABADI renuncie a aplicación do ERTE”.

Durante o proceso de negociación, GABADI negouse a asumir as alternativas propostas pola parte social como a de implantar unha redución temporal de contratos. “Esta total falta de vontade de acordo ou de aceptar outras propostas que solucionen o problema deixan en evidencia que a verdadeira motivación dos despedimentos é coaccionar ás e os traballadores para conseguir esa desregulación das condicións de traballo” explica o deputado nacionalista. A debilidade da posición negociadora da representación legal dos e das traballadoras como resultado da Reforma Laboral vixente.

“Os ERE están sendo aproveitados de maneira fraudulenta por empresas como GABADI para o seu propio beneficio mentres existe carga de traballo e mesmo contratan outras empresas vinculadas, como MONCINA, para sacar todo o traballo adiante” apunta Rego. Alén do máis, o deputado nacionalista subliña a necesidade de que o Ministerio de Traballo e o Goberno do Estado interveñan cunha batería de medidas para evitar o deserto de ocupación en NAVANTIA Ferrol e garantir carga de traballo”.

 

BNG urxe ao Goberno do Estado a mediar para impedir o ERE en GABADI