parlamento Galego

BNG traslada á Xunta a necesidade máis atención, coidado e servizos para os gandeiros e gandeiras que explotan os montes da Serra da Capelada e o seu territorio

Mon Fernández
Mon Fernández
Fernández Alfonzo: “temos moi claro o potencial deses montes, por superficie, pola calidade da terra, por experiencia, pola calidade da carne que crían, pola demanda que existe, polo potencial dunha marca que levara no seu nome Serra da Capelada”

O BNG levou á Cámara a situación dos montes da Serra da Capelada, de cuxa xestión é responsable a Xunta e sobre a cal os gandeiros e gandeiras da zona criticaron a falta de atención ás pistas forestais e a falta de limpeza destes montes, nomeadamente Lume, Capelada, Couce e Braxe.

O deputado ferrolán, Ramón Fernández Alfonzo, criticou o “desleixo” da Consellería de Medio Rural nesta área “até o punto de crearse zonas inaccesíbeis para o gando”, após o cal amosou ao resto de deputados e deputadas imaxes onde era distinguible nalgúns “a falta de desbroce” e, incluso, piñeirais “que non se podaron en máis de 10 anos”. Esta situación “supón un grave risco para o monte”, advertiu, xa que esa maleza “é unha acumulación de potencial combustíbel perigosísima en caso de incendio” e, ademais, supón unha redución da superficie onde podería pastar o gando.

Outra área na que a veciñanza e gandeiros e gandeiras da súa zona concentran as súas críticas, trasladou Fernández Alfonzo, é o eido da xestión dos propios montes, que cualificou como “moi pouco transparente e democrática” debido “á falta de información a esta veciñanza” sobre o contido e as condicións do convenio entre o Concello de Cedeira e Xunta polo que se lle atribúe á Xunta a xestión dos montes do Lume, Capelada e Couce, propiedade do primeiro e xestionados polo goberno galego.

A isto último súmaselle o descoñecemento da veciñanza “da existencia dalgún mecanismo ou organismo a través do cal as persoas con explotacións no monte poidan dar a súa opinión ou participar de algún xeito na toma de decisións sobre a súa xestión”, sinalou o parlamentario do BNG, que puxo tamén o foco na falta de información do Goberno do PP sobre “que pasos ou axudas ten unha persoa que queira iniciar unha explotación gandeira nos montes”, xa que “descoñecen cantas hectáreas subvencionábeis hai, descoñecen quen as distribúe e con que criterios, por que hai persoas que non teñen gando no monte que teñen atribuídas hectáreas subvencionábeis”, enfatizou.

O último dos puntos, expuxo o deputado de Ferrol, é a redución dos servizos que se prestan na oficina agraria de Cedeira, “o que obriga aos gandeiros e gandeiras a continuos traslados á vila de Ortigueira”. Estes servizos, declarou, non só son de carácter administrativo ou burocrático senón tamén de veterinaria, algo “de vital importancia” no concello de Cedeira.

Fernández Alfonzo, fronte esta situación e as declaracións de Manuel Rodríguez Vázquez, director xeral de Montes, emprazou ao Executivo do PP a actuar “para mellorar e ampliar a zona de pastos e a responsabilidade da Xunta como administración que xestiona os montes” e que a participación democrática da cidadanía “non debe cinguirse só á debida publicidade das leis”, senón que, demandou, “debería existir un organismo a través do cal as persoas que explotan o monte puideran participar”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG