CONGRESO

BNG solicita a comparecencia de Ábalos para lle exixir a aplicación inmediata das rebaixas da AP-9

Néstor Rego
Néstor Rego

A organización nacionalista lembra que no acordo de investidura, asinado entre BNG e PSOE, o Goberno comprometíase a aplicar un 100% de bonificación das portaxes para as persoas usuarias recorrentes e a gratuidade do tramo Vigo-Redondela.

Néstor Rego asegura que é posíbel tramitar a Lei para a transferencia da autoestrada neste período de sesións unha vez que foi aceptada a petición do BNG de trámite de urxencia e insiste que o obxectivo final é unha “AP-9 galega e libre de peaxes”.

BNG solicita a comparecencia de Ábalos para lle exixir a aplicación inmediata das rebaixas da AP-9

O deputado do BNG, Néstor Rego, solicitou a comparecencia no Congreso do Ministro de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana para que dea explicacións sobre por que aínda non foron aplicadas as medidas de rebaixa das portaxes da AP-9, incluídas no acordo de investidura. A formación nacionalista lembra que hai un ano dese acordo e o Goberno do Estado xa ten partidas orzamentarias para que se apliquen as bonificacións e a eliminación das tarifas.

A organización nacionalista critica a demora na aplicación das bonificacións das portaxes da AP-9, que non pode desculparse pola complexidade dos cambios regulamentarios necesarios. “O Goberno tivo un ano enteiro para prever os cambios normativos que foren precisos e para negociar coa concesionaria”, salienta o deputado Néstor rego, “de xeito que ao inicio do 2021 as bonificacións fosen efectivas tal e como prometeran”. “Porén, en lugar de rebaixas os galegos e galegas tiveron que soportar unha nova suba nas tarifas, sendo esta infraestrutura unha das poucas de todo o Estado que vían incrementados os seus prezos” continúa Rego. “Agora, existen xa partidas orzamentarias para facer efectivo o contido do acordo de investidura, e exiximos que se cumpra tal e como se asinou xa hai un ano: a bonificación do 100% das portaxes para viaxes recorrentes, dúas ou máis veces ao día, tanto para usuarios particulares como para profesionais” incide o deputado nacionalista.

Así mesmo, Rego lembra que ademais desa bonificación “tamén existe un acordo para a gratuidade do tramo de Vigo até Redondela e mesmo a absorción e eliminación do incremento do un por cento anual acumulativo durante 20 anos”.

Por todo isto, a formación nacionalista solicitou a comparecencia na Comisión de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana do Ministro, José Luis Ábalos Meco, para que explique o estado da tramitación e exixirlle a aplicación das bonificacións comprometidas co BNG. Neste sentido, o deputado nacionalista afirma que “non vai aceptar menos do que está asinado. O acordo non era o que se está anunciando a día de hoxe por parte do Ministerio”.

A tramitación da Lei para a transferencia da AP-9, pola vía de urxencia

Despois de ter sido aprobada a toma en consideración da Proposición de Lei Orgánica procedente do Parlamento galego, para a transferencia da titularidade e competencias da autoestrada AP-9 á Galiza, o deputado do BNG rexistrou ante a Mesa do Congreso a petición de que sexa tramitada polo procedemento de urxencia para así acurtar os prazos lexislativos e finalizar o proceso o antes posíbel. Finalmente, a Mesa do Congreso adoptou a decisión solicitada polo Bloque Nacionalista Galego na súa reunión do pasado 9 de febreiro. 

“Entendemos que, se existir vontade política, a transferencia pode realizarse neste período de sesións, ao igual que se tramitaron outras leis” afirma o deputado nacionalista. “Neste momento é fundamental a transferencia da autoestrada para iniciar o camiño de conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes” incide Rego.

BNG solicita a comparecencia de Ábalos para lle exixir a aplicación inmediata das rebaixas da AP-9