BNG reivindica a protección do galego e anima a celebrar o Día das Letras como un acto de orgullo colectivo

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil empraza á Xunta a volver ao consenso lingüístico anterior a 2009 e advirte que Rueda se aliñou cos sectores máis ultras contra o galego

BNG reivindica a protección do galego e anima a celebrar o Día das Letras “como acto un acto de orgullo colectivo”. A deputada do BNG, Olalla Rodil empraza á Xunta a volver “ao consenso lingüístico” anterior ao 2009 e advirte  que Rueda se “aliñou cos sectores máis ultras contra o galego”.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, fixo un chamamento ao conxunto da sociedade a participar nos actos do Día das Letras Galegas arredor da obra e vida de Florencio Delgado Gurriarán, “figura destacada nun dos períodos máis negros da nosa historia, o exilio na ditadura”.

A nacionalista insistiu no carácter reivindicativo do Día da Letras Galegas e animou ás galegas e galegas a participar na manifestación convocada pola plataforma “Queremos Galego” que terá lugar en Santiago de Compostela.

Rodil aseverou  que a celebración do Día das letras “non é un acto rutineiro” é unha xornada de “orgullo colectivo, celebración da lingua galega e e reivindicación dos nosos dereitos lingüísticos” porque o  dereito a falar en todos os espazos da nosa vida non está garantido e puxo como exemplo o SERGAS como servizo público que máis vulnera os dereitos lingüísticos pero tamén no ámbito privado onde existen grandes dificultades para abrir unha conta bancaria ou contratar un seguro asinando a documentación en galego.

A deputada engadiu que asinar un consentimento informado para operarnos ou contratar un servizo telefónico en galego, “ non é un complemento, nin un antollo, nin algo prescindible”. É un dereito humano recollido na Declaración Universal dos dereitos lingüísticos e na Carta europea das linguas.

A escola como axente desgaleguizador

Para a deputada, garantir o dereito a falar é garantir o dereito de saber e hoxe, a escola converteuse nun “axente desgaleguizador”. Esta, dixo, non é unha opinión do BNG, é un  feito constatado pola Academia Galega nos seus estudos nos que advirte que  o 40% das nenas e nenos menores de 15 anos non sabe falar galego. “Non é que non queiran é que non saben”.

Na súa opinión, nesta realidade existe unha responsabilidade directa do Goberno e concretamente no Decreto que prohibe o uso do galego en determinadas materias (matemáticas ou tecnoloxía) e que foi “achicando a presenza do idioma propio deste país nas escola, incluídas as infantís”.

Volvemos insistir na necesidade, como reclama a Academia e o Consello de Europa, de derrogar os atrancos legais que hoxe existen para o galego. Dende o BNG pedimos a “derrogación do Decretazo contra o galego” posto en marcha polo Partido popular do Goberno galego.

A xuízo da deputada, a derrogación do Decreto sería “un cambio” agora que foi cambiado o presidente e sería un paso adiante que o Partido popular volvera ao consenso lingüístico do ano 2009, “o consenso lingüístico do Estatuto de 1981, da Lei Normalización Lingüística do 83 e do Plan Xeral de Normalización lingüística de 1994.

Dende o BNG,  preocúpanos cal vai  ser  a política lingüística de Rueda como presidente, tendo en conta que “encabezou o principal ataque aos dereitos lingüísticos e á lingua común das galegas e galegos nesa foto da vergoña que precedeu ao  decretazo do 2010 e que por primeira vez prohibía, desde a ditadura, impartir aulas en galego”.

“Esa foto da vergoña que aliñou ao actual presidente da Xunta cos sectores máis ultras, reaccionarios e antigalegos da sociedade española”.

Dende o  BNG reivindicamos o orgullo de ser galegas e galegos e falar o idioma propio de Galiza.

“Temos unha lingua viva á que lle quedan mil primaveras máis  porque hai un pobo detrás que a fala e escribe cada día”. Imos seguir celebrando o noso orgullo e dereito a ser e a existir na nosa lingua hoxe e sempre da mellor maneira posible que é “falándoa, escribíndoa, creando con ela e o máis importante, transmitíndolla ás que veñen detrás”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG