CONGRESO

BNG reitera a necesidade de facer probas masivas nas granxas de visóns da Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego
A formación nacionalista urxe un cambio no protocolo de detección da COVID nas explotacións que pasa pola realización de test preventivos tanto aos animais, coma aos traballadores e traballadoras, así como tamén nos núcleos de poboación veciños e non só en caso de detectar síntomas como até o de agora. 
BNG reitera a necesidade de facer probas masivas nas granxas de visóns da Galiza

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama máis unha vez ao Ministerio de Agricultura, Pesa e Alimentación un cambio no protocolo de detección da COVID-19 aplicado nas granxas de visón da Galiza ante o novo surto detectado nunha explotación de Santiago de Compostela. A organización nacionalista exixe realizar probas masivas tanto ao persoal das granxas e poboación dos núcleos próximos, como aos propios visóns, pois o protocolo actual só prevé a realización de análises nos animais mortos, é dicir, só se aplica cando aparecen síntomas graves.

“O actual protocolo é claramente insuficiente e perigoso se se ten en conta que os mustélidos, do mesmo xeito que as persoas, poden ser asintomáticos o que supón un risco para a transmisión do coronavirus, e que cabe a transmisión entre humanos e visóns” alega o deputado do BNG. Neste sentido a organización nacionalista volve exixir que se realicen probas masivas nas granxas de visóns do país, tanto aos animais como aos traballadores, e ao resto de persoas cun contacto estreito, co obxectivo de frear a posíbel transmisión da COVID-19 na poboación próxima ás granxas.

Así mesmo, Rego lembra que o visón americano, especie que se cría neste tipo de instalacións para a comercialización do pelexo, non só supón un risco de transmisión da COVID-19 senón que supón unha ameaza para o ecosistema galego, tal e como teñen sinalado reiteradamente organizacións ecoloxistas e especialistas en conservación, pois “pon en perigo a biodiversidade e as especies autóctonas debido á súa voracidade”. O deputado nacionalista salienta que, tendo en conta os riscos para o medio ambiente e a saúde humana, o “futuro desta industria non encaixa dentro das políticas de transición ecolóxica” e, nese sentido, convida ao Goberno a reflexionar sobre aplicar medidas máis contundentes como, por exemplo, o feche destas explotacións ante novos surtos detectados, prevendo ao mesmo tempo políticas de compensación e de alternativas para o emprendemento.
 

BNG reitera a necesidade de facer probas masivas nas granxas de visóns da Galiza