O BNG recrimina ao PP non utilizar a vía xudicial para reclamar os 700 millóns de euros que o Estado debe a Galiza

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas tamén demandou o cobro de 188 millóns de eurosde  financiamento da Lei de dependencia e compensar Galiza polos 1.000 millóns de euros que deixou de executar o goberno central durante o período de Rajoy
O BNG recrimina ao PP non utilizar a vía xudicial para reclamar os 700 millóns de euros que o Estado debe a Galiza

A deputada do BNG, Noa Presas defendeu hoxe unha Proposición non de lei instando ao Goberno galego a reclamar “pola vía xudicial e até o último euro a débeda  do  Estado con Galiza”

Ante o anuncio da ministra Montero do pago fraccionada da débeda, Presas afirmou que o Goberno galego debe exercer como tal e reclamar a totalidade da débeda e non conformarse con 300 millóns de euros. “Por dignidade, e porque eses cartos son de todos e todas as galegas”, dixo.

A nacionalista acusou de “irresponsabilidade e inutilidade as forzas estatais” que relacionou cun sistema de financiamento “inxusto” para Galiza ao que sumou, a “falta de peso político” do Goberno galego.

Presas explicou que, onte mesmo, a Deputación Permanente do Congreso das e dos deputados daba luz verde ao desbloqueo de 4.862 millóns de euros para as comunidades autónomas e 821 para as entidades locais. Unha cantidade, recalco a nacionalista, “secuestrada polo Goberno central”.

Chegamos a este punto, cunha “resolución parcial e insatisfactoria”, despois dunha longa travesía de pim pam pum electoralista entre Estado e Xunta e entre PP e PSOE que hai que repasar brevemente para recordar as incoherencias duns e doutros. “O Estado non é inocente, pero a Xunta de Galiza tampouco”, explicou.

Durante estes meses de “vodevil” cando parecía que o papel do Estado non podía ser máis “vergoñento”, a Xunta limitouse a “choromicar polas esquinas e

dar discursos electoralistas”. Unha estratexia fracasada, explicou Presas  porque se as contas foron desbloqueadas onte parcialmente e  non foi “polas brillantes ideas do Sr. Feixóo”.

O que nun principio era imposible pasou a ser posible en precampaña electoral. “Vostedes  agardaron a estar tan cerca da disolución das Cortes por ter un elemento máis co que zoscar a Madrid, e os de Madrid agardaron a disolver as Cortes para actuar tamén por electoralismo”.

Resulta “inadmisible” que dean a batalla por perdida e se rendan. A débeda do Estado é unha nova evidencia de que Galiza debe aspirar a superar o actual estatus en materia de financiamento.

Por outra parte, a nacionalista asegurou que os 700 M€ “non son o único problema” e preguntou que pasa cos 188 millóns da Lei de Dependencia e os investimentos sen executar no ferrocarril e en infraestruturas.

Dende o BNG, reiterou a deputada,  propoñemos presentar, de “forma inmediata”, os recursos xudiciais oportunos para reclamar do goberno central o pagamento da débeda contraída con Galiza por mor da demora do pagamento do IVE de 2017 e da demora das actualizacións das entregas a conta do sistema de financiamento.

Esixir do goberno central o pagamento das restantes cantidades  pendentes con Galiza, coma o pagamento dos 188 millóns de euros en concepto de financiamento da Lei de dependencia, así como a negociación dun Plan de Investimentos para compensar Galiza polos máis de 1.000 millóns de euros que deixou de executar o goberno central durante o período de Rajoy.

Esixir do goberno central a derrogación da normativa sobre estabilidade financeira, así como da “reforma constitucional exprés de 2011”, que afoga a capacidade investidora e de mellora de servizos públicos da administración galega e das administracións locais.

E finalmente,  demandar do goberno central a inmediata negociación dun novo modelo de financiamento baseado no concerto económico e bilateralidade co Estado no que Galiza xestione todos os impostos a través dunha Facenda Galega e teña capacidade para decidir como os inviste.

Os votos en contra do grupo maioritario do Partido popular e a abstención do PSdG-PSOE  nos puntos referidos á derrogar a reforma constitucional exprés de 2011 e demandar un novo modelo de financiamento, impediron que a proposta do BNG prosperara.

O BNG recrimina ao PP non utilizar a vía xudicial para reclamar os 700 millóns de euros que o Estado debe a Galiza