xerais 2023

BNG recorre o plan de cobertura das CRTVG ante a Xunta electoral por considerar que non garante o pluralismo político

crtvgmosaico
crtvgmosaico

Denuncia que só prevé un único debate e entrevista nas eleccións do 23X nun horario que, como denuncia Olalla Rodil, “non ve nin Deus”

Compara e emisión da TVG ás 10.00H cos horarios en prime time das televisións públicas de Euskadi e Cataluña logrando grandes audiencias

Nos comicios xerais de 2019 a emisión do debate na TVG obtivo 13.000 espectadores, nas canles públicas catalá e vasca 600.000 e 316.000

O BNG presentou recurso ante e Xunta Electoral Provincial da Coruña contra o plan de cobertura informativa da CRTVG para as eleccións xerais do 23 de xullo por considerar que non cumpre o se deber de garantir a pluralidade política e social, nin contribúe á formación dunha opinión pública informada, cuestión que debería ser respectada sempre pero máxime en período electoral.

Para o Bloque é incomprensible que os medios públicos só teñan previsto un único debate na televisión pública e que, unha vez máis, a dirección da CRTVG que encabeza Alfonso Sánchez Izquierdo, se empeñe en emitilo nun horario con apenas audiencia,  como se tivese por obxectivo minimizar o alcance dese único debate. De feito, o horario de mínima audiencia elixido pola dirección da compañía contrasta co que é práctica habitual nas televisións públicas e privadas, que emiten os debates electorais en horarios de máxima audiencia.

A modo de exemplo, nas eleccións xerais de 2019, o debate da TVG emitido ás 10.00H tivo unha audiencia de 13.000 espectadores, mentres que os emitidos polas canles públicas de Euskadi e Cataluña for seguido por 316.000 e por 600.000 espectadores respectivamente. Por contra, a dirección da televisión pública de Galiza empéñase en emitir o debate nun horario “que non ve nin Deus”, como denunciou en sede Parlamentaria a viceportavoz Olalla Rodil.

E todo isto pese a que o mandato marco da propia CRTVG recolle: “A Corporación RTVG, dentro do marco dos seus obxectivos, adecuará os contidos e os horarios das súas programacións, así como os das súas promocións, ás expectativas da súa audiencia potencial.” Tendo en conta que en Galiza votan 2,2 millóns de habitantes, o público potencial é practicamente toda a poboación galega e, por tanto, o horario debe ser o de prime time.

O BNG solicita que o debate sexa en horario de máxima audiencia e que se celebren un por cada circunscrición entre os e as candidatas provinciais, tanto televisivos como radiofónicos. O plan de cobertura da CRTVG reserva para o BNG, con 120.456 votos, 23 segundos de información electoral, a todas luces insuficiente para garantir a pluralidade e para permitir que os galegos e galegas podan formarse unha valoración das propostas que presenta a formación política que lidera Ana Pontón.

No seu recurso ante a Xunta Electoral Provincial da Coruña, o BNG solicita a realización de entrevistas aos candidatos e candidatas das formacións políticas con ámbito de implantación en Galiza na TVG en horarios e formatos da maior audiencia; entrevistas e debates entre os candidatos e candidatas das catro provincias tamén na Radio galega e que os debates electorais se emitan en horario de máxima audiencia.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG