BNG recorda as Mártires de Nebra que se ergueron contra as inxustizas e “serven de referencia para os avances sociais”

Mártires de Nebra
Mártires de Nebra

A deputada Rosana Pérez destaca que este é un momento decisivo para o país e a recuperación económica e social debe ser xestionada desde aquí

Balbino González sinala que “este acto serve para lembrar que o pobo galego é loitador e reivindicativo; non é un pobo submiso”

BNG recorda as Mártires de Nebra que se ergueron contra as inxustizas e “serven de referencia para os avances sociais”

O BNG lembrou a mobilización de Nebra, en Porto de Son, onde cinco persoas foron asasinadas e 32 resultaron feridas cando a Garda civil quixo dispersar unha manifestación de labregos e labregas contra a suba de impostos extraordinaria en 1916. Nesta edición, participaron a deputada Rosana Pérez e o portavoz municipal Balbino González, ademais de Santiago Suárez, un dos impulsores deste recoñecemento histórico que fai o BNG desde hai 20 anos ao pé do monólito erguido por subscrición popular para rememorar estes feitos.

Segundo explicou Rosana Pérez, o BNG organiza este acto cada 12 de outubro en Nebra “para facer memoria do que fomos e do que somos na actualidade”, porque aquela mobilización de 1916 onde foron asasinadas catro mulleres e un home “foi un acto de valentía e de rebeldía ao erguerse contra as inxustizas e a imposición da forza e, na actualidade, sérvennos de referencia para contribuír a avanzar na sociedade”.

Deste xeito, a deputada realizou un paralelismo do que significan as transformacións sociais e, na historia máis recente, citou o exemplo do espolio de Meirás e a loita para que se devolva ao pobo galego. “Cambiamos non só desde as institucións, tamén cun acompañamento popular moi importante, para transformar a realidade”, sinalou, e fixo referencia “á sentenza do 2 de setembro que anula aquela mal chamada doazón ao ditador Francisco Franco”.

Rosana Pérez“Neste momento duro en que estamos, de crise socioeconómica por mor da pandemia da covid-19, onde Galiza xa arrastraba a crise de 2008 que aínda non está superada, o BNG segue a facerlle fronte ás políticas que queren relegar o noso país e que sexa secundario e minorizado”, advertiu.

“Desde o BNG consideramos que o noso país é un país digno e reivindicativo, como demostrou durante séculos de historia, e que está disposto á recuperación sempre que esta reconstrución sexa xestionada desde aquí”, afirmou ao fío da recente creación da Comisión para a Reactivación económica, social e cultural de Galiza fronte á covid-19 no Parlamento galego. “Se os proxectos que van querer desenvolver PP e PSOE teñen as mesmas características que os anteriores, vannos ter enfronte posto que aspiramos a manter e a crear máis industria, a fortalecer os servizos públicos tan minguados, precisamente a causa das súas políticas, e a termos expectativas de futuro como país”.

“Esa transformación e esas loitas son necesarias en todos os momentos da historia e este é un momento decisivo para o país, onde o BNG vai estar aí para reivindicar que poidamos desenvolver as capacidades desde aquí cun estatus político máis favor a nosa soberanía política e económica e, desde logo, que mude o actual marco e nos permita ter expectativas de futuro na nosa propia terra”, explicou.

“Non lles chegou con asasinalas, foron condenadas ao esquecemento”

Pola súa parte, Balbino González, destacou que con este acto de homenaxe queren manter vivo o recordo de veciños e veciñas como Francisca Carou, Antonio Sobrado, Ramona Suárez, Xenerosa Vidal e Rosa Cadórniga, que foron asasinadas e das 32 persoas máis que resultaron feridas.

“Non lles chegou con asasinalos, tamén foron condenados ao esquecemento posto que as institucións mantiveron o silencio durante décadas e mesmo foron disoltos os sindicatos que apoiaron estas protestas, que era a Liga Agraria de Nebra e Protección Obrera de Porto de Son”, explicou. Até que en 1931 Castelao, no álbum Nós, dedicoulle unha das ilustracións coa mensaxe “Un padrenuestriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán” e foi unha maneira de rememoralos.

O BNG leva 20 anos a render esta homenaxe ás Mártires de Nebra, como un acto político nacional, ao considerar a necesidade de recuperar a historia e aquel acto político protagonizado en 1916 por 300 persoas, coas consecuentes mortes, a disolución dos sindicatos e o silencio imposto polas autoridades e as administracións. “Deste xeito, o BNG quere demostrar que o pobo galego é loitador e reivindicativo; non é un pobo submiso”, concluíu Balbino González.

 

BNG recorda as Mártires de Nebra que se ergueron contra as inxustizas e “serven de referencia para os avances sociais”