BNG reclamará no vindeiro pleno medidas reais contra a violencia machista e a suba de prezos que conduce a un gran número de familias galegas á exclusión social

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil denuncia a situación agónica de moitas familias galegas  e exixe un compromiso real do goberno galego para paliar os efectos da brutal subida de prezos: incremento da RISGA, aumentar 100 euros as pensións non contributivas e recuperar “a tarxeta básica”

O BNG formulará diversas propostas, no vindeiro pleno da Cámara galega ao arredor do dereito das mulleres a vivir “unha vida libre de violencias” e contra a brutal subida de prezos que afecta gravemente ás familias e persoas máis vulnerables.

Loita contra a violencia machista

Tras a reunión da Xunta de portavoces, viceportavoz do BNG, Olalla Rodil lembrou que o 25 de novembro  conmemórase o Día  Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e xa na pasada sesión plenaria, lembrou a nacionalista, o BNG  interpelou ao goberno  sobre os recursos públicos dedicados a combatela.

Neste sentido, avanzou que  a portavoz nacional do BNG preguntará ao presidente do goberno polas medias de impulso da Xunta para loitar contra a violencia machista.

 “Os Orzamentos recortan ou conxelan as partidas dirixidas a promover a igualdade” e o goberno galego permanece instalado na “inercia e rutina”, afirmou Rodil e anunciou que  o BNG defenderá unha moción para seguir impulsando recursos e servizos comezando por  destinar “o 1% do Orzamento a loitar contra a violencia machista e incrementando as prestacións económicas a vítimas de violencia machista para que non perdan poder adquisitivo”.

Por outra banda, considerou  indispensable incrementar a rede de CIM para garantir que un servizo, “esencial”, conte co  persoal e  recursos suficientes para atender, acompañar, informar e asesorar ás mulleres vítimas ou non de violencia  desenvolver  accións de prevención.

“Máis financiamento estrutural por parte da Xunta (hoxe o Goberno galego achega como máximo 45mil euros),  novos perfís profesionais nos CIM: axentes de igualdade e tamén persoal técnico-administrativo para sacar adiante a enorme carga burocrática que teñen que asumir e que lles está restando tempo para afrontar outras obrigas, explicou.

Crise de prezos que conduce ás persoas máis vulnerables á exclusión social  

O BNG tamén levará ao pleno a crise de prezos. Hoxe  mesmo, dixo, a parlamentaria do BNG, foron publicados os datos de inflación que reflicten un maior impacto en Galiza. A inflación e a inflación subxacente case se tocan (6,2% e 7,3%) e os  os prezos continúan a subir con independencia de que baixe a enerxía. “Soben sobre todo os alimentos cun incremento histórico do 15,4% en outubro”. Sobe o prezo de  legumes, hortalizas,  carne,  leite,  queixo e  ovos  e dentro dos que máis subiron no último ano atopase o azucre nun 42,8%,os legumes e hortalizas frescas, 25,7%, ovos, 25,5%, leite, 25%, aceites e graxas, 23,9% e os cereais o 22,1%.

Rodil reiterou que máis  670 mil persoas están en  en risco de pobreza e exclusión social, “un cuarto da poboación galega”, e  70 mil persoas viven  con ingresos procedentes de prestacións económicas como a RISGA  que non superan os  500 euros ao mes.

“Insistimos na necesidade de recuperar, de maneira urxente e inmediata, a Tarxeta Básica como propomos nas emendas aos Orzamentos para 2023, incrementar a contía da RISGA e subir en 100 euros o complemento autonómico das pensións non contributivas”.

No vindeiro pleno tamén defenderemos unha iniciativa para articular un plan de axudas directas ás pequenas e medianas empresas e ás persoas autónomas.

Noutra orde de cousas, proporemos que a Xunta  se dirixa ao goberno español e a UE para artellar medidas compensatorias á frota afectada polo veto ás artes de fondo decretado pola Comisión Europea.

Finalmente, formularemos unha pregunta ao  Goberno sobre os 20 anos da catástrofe do Prestige. “Vinte anos desde que as decisións políticas adoptadas polo PP na Xunta e no Goberno de Madrid converteron un accidente na maior catástrofe ecolóxica deste país”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG