BNG reclama á Xunta que reforce este curso os cadros de profesorado e garanta, cando menos, os mesmos desdobres

Manel Lourenzo
Manel Lourenzo
Manuel Lourenzo cualifica de “novo fogo de artificio” o Plan Recupera, cando a realidade é que se reducen case á metade os docentes de reforzo

“O mesmo número de docentes que no curso 2020-2021, que a Consellería de Educación cifrou en 1.350 interinas e interinos; cando menos, os mesmos desdobres autorizados en todos os niveis educativos que no curso pasado e reforzo dos cadros de persoal para reducir as ratios máximas por aula”. Así resumiu o portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo, a proposta do BNG para o presente curso escolar que defendeu no Parlamento galego, logo de censurar “a política de propaganda e desmantelamento do ensino público do señor Núñez Feixóo”.

Lourenzo acusou neste sentido ao Executivo galego de actuar “como correa de transmisión dos intereses do ensino privado en detrimento do ensino público” e denunciou que dende que goberna o PP “incrementouse nun 5,5% o profesorado do ensino privado e reduciuse en case un 5% o profesorado do público, segundo os datos da propia consellería”.

Concretamente sobre o presente curso, asegurou que o dato realmente claro que hai ata o de agora é “un recorte de case a metade do profesorado de reforzo, pasando dos 2.300 docentes contratados o curso pasado a só 1.250”, e reprobou a “cerimonia de confusión” desenvolvida pola Xunta con anuncios continuados como o realizado hoxe na mesma comisión parlamentaria de Educación.

“Acaban vostedes de anunciar 164 unidades e 220 docentes máis ao respecto do curso 20/21 e o ano pasado, en setembro de 2020, anunciaban 311 unidades e 528 profesores máis en relación ao curso 2019, cando a realidade é que, finalmente, só foron 158 unidades e 197 profesores máis. Están facendo as mesmas contas da leiteira?”, cuestionou con severidade. 

Lourenzo censurou que, de facerse efectivo este novo anuncio, “estariamos ante un reforzo maior que o curso anterior”, polo que afirmou que “igual estamos ante un novo exercicio de propaganda que o profesorado, o alumnado e as familias non merecen”, nunha xornada na que, segundo salientou, a comunidade educativa se manifestaba ante a sede da Xunta en Santiago contra os recortes do PP no ensino público.   

Para o deputado nacionalista, as medidas do Executivo galego están cheas de vaguidades e inconcrecións, apelando a un xenérico “reforzo co profesorado que sexa necesario”. “Entenden vostedes que o profesorado que sexa necesario é ter 33 alumnos por aula?”, reprobou para pedir un reforzo real do ensino público e logo de recalcar que os datos que xa foron trasladados pola inspección educativa e polas xefaturas territoriais ata o de agora cifran en “435 profesores menos en Secundaria a respecto do curso anterior e 189 profesores menos ao respecto do curso 19/20”. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG