parlamento galego

BNG reclama á Xunta a documentación dos contratos de emerxencia durante a pandemia e pide unha auditoría externa

Luís Bará
Luís Bará

Denuncia “moitas sombras” nalgunhas adxudicacións como a da compra de máscaras con Sibucu 360, empresa sen relación co sector sanitario vinculada a Moonoff e que multiplicou por dez os seus beneficios nun ano

Luís Bará advirte da “contratación a dedo” como práctica habitual no Sergas, co 74% da súa adxudicación total a través de contratos menores

O deputado electo por Pontevedra e viceportavoz do BNG na pasada lexislatura, Luís Bará, compareceu ante os medios de comunicación para realizar un dobre denuncia en relación aos procedementos de contratación da Xunta nos últimos anos: por unha banda, as “moitas sombras” que presentan algúns dos contratos de emerxencia realizados durante a pandemia e, por outra, o incumprimento sistemático da lei de contratos, coa falta de transparencia esixida e o fraccionamento de contratos para adxudicalos discrecionalmente como práctica normalizada.

Sobre o primeiro asunto, as contratacións relacionadas coa COVID, Bará avanzou que, unha vez constituído o Parlamento galego, o Bloque reclamará a documentación relativa a todos os expedientes dos contratos de emerxencia realizados durante a pandemia e solicitará unha auditoría externa e independente, tal e como xa fixera en 2022 e que o PP rexeitara daquela escudándose nun informe remitido á Cámara que non era máis que un “informe contable”, sen detallar a documentación completa solicitada.

Segundo Bará, agora o Partido Popular pretende negar a auditoría servíndose dun informe do Consello de Contas, cando dito informe “non é unha auditoría” e reflicte precisamente a opacidade administrativa e a falta de información por parte da Xunta sobre estas contratacións (non existe constancia do rexistro de contratos dos expedientes de emerxencia tramitados polas distintas áreas sanitarias) e que, segundo advirte o propio ente fiscalizador, se realizaban por norma xeral de xeito verbal, non se formalizaban posteriormente e non se lles daba a publicidade oportuna, cando a tramitación de emerxencia non exime de dar publicidade á adxudicación dos contratos.

O deputado electo do Bloque tamén recordou que o Consello de Contas recolle no seu informe de xullo de 2023 o incumprimento xeneralizado da lexislación vixente en materia de contratos nos relativos á subministración de material funxible (como máscaras, luvas ou batas), sen documentación relativa a antecedentes previos (peticións de ofertas, orzamentos, propostas de subministradores, acreditación de solvencia, etc), nin ningún acto administrativo ditado que soporte as adxudicacións.

Neste sentido, Bará apuntou ao “caso moi rechamante” dos contratos de subministro de máscaras con Sibucu 360, empresa sen relación co sector sanitario vinculada coa sociedade Moonoff e o empresario José Ramón García, exCeo de Blusens, e que, con catro traballadores e traballadoras, pasou de facturar 765.000 euros en 2019 a máis de 31 millóns de euros en 2020, multiplicando por dez os seus beneficios en tan só un ano.

Segundo explicou, Sibucu 360 obtivo dous contratos entre o 25 de marzo e o 19 de xuño de 2020 por un montante total que varía en función das distintas fontes documentais da Xunta: nun informe figura un total de 1.945.000 euros e noutro 2.364.700 euros.

A esta diferencia contable, Bará sumou que tampouco coinciden os desgloses dos tipos de máscaras e que, ademais, unha parte delas, concretamente as de tipo FFP2 modelo KN95, estivo afectada por unha alerta da propia Xunta a través do Instituto Galego de Consumo (IGC), por estar certificadas por un organismo italiano non autorizado para a certificación deste tipo de máscaras, co conseguinte risco para a saúde das e dos usuarios.

“Por que logo desta alerta sanitaria por vender máscaras con certificados falsos, a Xunta seguiu contratando con esta empresa?”, cuestionou o deputado electo do BNG, quen tamén avanzou que o BNG solicitará toda a documentación do expediente sancionador do IGC a Sibucu 360 derivada da alerta e que ascendía a 10.500 euros, pero que foi reducido posteriormente a tan só 600 euros. 

Ante as “moitas sombras” que presentan estas contratacións, Bará reclamou “luz e taquígrafos” no Parlamento galego: “se a Xunta actuou correctamente, non debería ter problema en facilitar a información”, concluíu.

Irregularidades na contratación das entidades menores

Sobre a segunda cuestión, a relacionada cos procedementos de contratación que de xeito habitual está a empregar a Xunta nos últimos anos, Bará recordou as “numerosas irregularidades” postas de manifesto polo Consello de Contas en distintos informes, co incumprimento da lei de contratos, a opacidade e os numerosos déficits en materia de transparencia, e a reincidencia nas malas prácticas sobre as que advirte o ente que, na vez de ser corrixidas, foron repetidas e reiteradas.

O deputado electo do Bloque fixo especial fincapé nas entidades instrumentais recollendo o último informe de contratación destas entidades publicado polo Consello o pasado mes de xaneiro e referido ao exercicio de 2018, un informe, segundo Bará, “demoledor” que “pon negro sobre branco a numerosas irregularidades” na contratación das entidades menores da Xunta.

O Consello advirte da ausencia dunha fonte de información que recolla de forma íntegra a totalidade dos contratos adxudicados, do fraccionamento de contratos para adxudicalos discrecionalmente, en lugar de convocar concursos públicos aos que se poida presentar calquera empresa, e do abuso da contratación menor, cun 95% dos contratos, por valor de 51 millóns, executados por este procedemento, convertendo en ordinaria unha fórmula de tramitación que debería ser excepcional.

Pero non é só que haxa abuso da contratación menor, senón que se superan os límites establecidos para este tipo de contratos no ámbito económico (superados en 14 contratos) e no temporal (tamén detectado en varios procedementos de contratación) e pola utilización da fórmula dos denominados contratos ponte, contratos encadeados ano tras ano e que deberían limitarse a un ano porque senón terían que afrontarse por concurso público. A isto, sumou as irregularidades detectadas nos contratos abertos, que nun 60% dos expedientes non se xustificou a elección dos criterios de adxudicación, incumprindo a Lei de Contratos do sector público.

O deputado exemplificou esta mala praxe na “contratación a dedo” no Sergas, que segundo subliñou Bará, ten unhas “dimensións xigantescas” dado que dos 1.191 millóns do total de adxudicación de contratos en 2022, 889 millóns (o 74,59%) realizáronse por procedementos de contratos menores ou negociados sen publicidade.   

Deste xeito, o BNG constata unha cadea de “múltiples irregularidades” na contratación da Xunta polo incumprimento da normativa vixente en materia de contratos públicos, pola opacidade ou escurantismo á hora de acceder a información e a falta de publicidade e transparencia que, segundo concluíu Bará, dificulta unha boa fiscalización das contratacións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG