BNG reclama voz propia en Europa para defender a pesca galega

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego urxe o Goberno a reprobar o acordo concluído entre a UE e o RU sobre os  TAC e cotas pesqueiras definitivas para o ano 2021 por resultar lesivo para os intereses da frota pesqueira galega.

A organización nacionalista reclama recoñecer á Galiza como zona altamente dependente da pesca para que goce de maior protección e a revisión do principio de estabilidade.

BNG reclama voz propia en Europa para defender a pesca galega

BNG reclama ao Goberno do Estado que acometa todas as xestión necesarias para a revisión do “Principio de Estabilidade Relativa” de forma que se garanta unha repartición equitativa e axustada ás capacidades produtivas do sector pesqueiro de cada País. Así mesmo, que se demanda que se recoñeza á Galiza a condición de zona altamente dependente da pesca, que permitirá dar unha maior protección ao sector e melloría o acceso ás cotas de pesca e unha maior capacidade directa de negociación da Galiza.

Tras o acordo que regulará as primeiras cotas post-brexit para as especies compartidas e despois da reunión de Ministros Europeos, o sector puido comezar a comprobar que as valoracións “positivas” do Ministerio non se correspondían coa realidade. Os  datos  que adiantaba dos TAC e cotas  para  as  distintas  especies  estaban moi  lonxe dos cálculos do sector para as distintas especias, o que obrigou a convocar unha reunión para aclaralas. Finalmente, os datos que manexaba o sector confirmáronse como correctos, é dicir, corroborouse que a Unión Europea e o Estado español perdían posibilidades de pesca en favor do Reino Unido.

“Un acordo que o MAPA se apresuraba a aplaudir de maneira entusiasta vén empeorar a situación xa existente antes do Brexit para a Galiza, tal e como auguraba o propio sector despois dos  resultados do Consello de Ministros europeos do pasado mes de marzo” explica o deputado do BNG. Así, a repartición para o Estado español volve minguar e, como consecuencia, tamén “as principais especies de interese para a frota galega, que rexistra 70% das capturas da frota que operan en augas do Gran Sol e británicas”. Esta repartición non só volve ser prexudicial para a frota galega “cunha perda de dereitos e posibilidades de pesca, senón que senta un precedente de incerteza para os catro anos que quedan por diante ata o 2026 que impiden ao sector planificar o seu futuro e condiciona fortemente os seus investimentos”.

"Debe aproveitarse a saída do RU para mudar as bases que regulan a Política Pesqueira Común"

Neste sentido, a formación nacionalista insta a reprobar o acordo concluído entre a Unión Europea e o Reino Unido no mes de xuño sobre os  TAC e cotas pesqueiras definitivas para o ano 2021, por resultar lesivo para os intereses da frota pesqueira galega e para o conxunto do sector pesqueiro do Estado español.

“Debe aproveitarse a saída do RU para mudar as bases que regulan a Política Pesqueira Común” subliña o deputado Néstor Rego, “comezando por la revisión do chamado ‘principio de estabilidade relativa’ de forma que se garanta unha repartición equitativa e axustada ás capacidades produtivas de cada país, que hoxe non existe”. Tamén exixe que se recoñeza á Galiza a condición de zona altamente dependente da pesca, o que permitiría “dar unha maior protección ao sector e melloraría o acceso ás cotas de pesca e a mecanismos de financiamento da actividade produtiva”. Así mesmo, Rego recorda que o BNG seguirá a defender que “a Galiza debe ter capacidade de negociación directa en Europa, debe garantirse que a toma de decisións naquelas  cuestións  de especial relevancia para a nosa economía, como é o caso da pesca, deba contar coa participación e consentimento do pobo galego sen dependencia de intereses alleos”.

“O executivo debe dirixirse á UE para esixir o cumprimento do establecido na PPC respecto aos aspectos sociais e económicos a ter en conta na repartición pesqueira” reivindica o deputado. Así mesmo, a organización frentista defende manter, para futuras negociacións, un contacto e diálogo constante co sector e exixir ese mesmo compromiso por parte das institucións europeas.

BNG reclama voz propia en Europa para defender a pesca galega