BNG reclama a Portos de Galiza que facilite a Amigos da Dorna a súa continuidade no peirao de Portonovo

Montserrat Prado
Montserrat Prado
Montserrat Prado pide á Xunta que rectifique políticas, apoie a actividade das embarcacións tradicionais e atenda as demandas da asociación

BNG vén de reclamar á Xunta que “rectifique e cambie a política do confronto, persecución e penalización mostrada coa Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo, polo diálogo, o apoio e a promoción da actividade que realizan das embarcacións tradicionais e atenda as súas demandas”.

Así o dixo a deputada nacionalista Montserrat Prado na comisión parlamentaria de Pesca, onde urxiu ao Goberno galego a autorizar á Amigos da Dorna un número de amarres suficiente para ter o conxunto das súas embarcacións tradicionais xuntas nun pantalán da dársena de Portonovo. De igual xeito, reclamou que dita localización permita realizar as actividades de divulgación que corresponden a unha mariña tradicional, para o que, segundo subliñou, deben ser visíbeis e visitábeis pola cidadanía, “de xeito que o labor de recuperación, restauración e promoción sexa aproveitado como valor educativo e de atracción turística”.

Prado instou tamén ao Executivo do PP a eximir á asociación do pago de taxas ou a proceder á bonificación do 100% das mesmas, tendo en conta para isto o censo de embarcacións tradicionais da Federación Culturmar. “En calquera país do mundo que se prece un mínimo non habería que estar demandándolle ao Goberno que tivera sensibilidade e respecto con todo o que representan as embarcacións tradicionais”, reprobou logo de censurar a falta de compromiso con este tecido asociativo que vela pola riqueza patrimonial galega.

A deputada nacionalista referiuse así á decisión de Portos de Galiza de “negarse a renovar a autorización para os amarres” das embarcacións tradicionais da asociación no peirao de Portonovo no que, segundo recalcou, “levan de xeito interrompido dende hai 17 anos”. Cómpre subliñar neste sentido que Amigos da Dorna denunciou que dispoñían dunha licenza de ocupación para 12 metros de pantalán para amarrar as súas embarcacións polo período 2017-2020, “tentando en varias ocasións renovar a mesa, sempre se resposta por parte de Portos”. “Moi ao contrario, sacou unha convocatoria para adxudicar estes amarres de xeito que onde tiñan un espazo reservado para as embarcacións, este foi adxudicado a particulares”, criticou.

De igual xeito, Prado levou ao Parlamento a denuncia da asociación sobre o incumprimento por parte de Portos de Galiza do Plan de Usos do porto de Portonovo, “xa que este establece que no pantalán que viñan utilizando as embarcacións tradicionais só poden amarrar embarcacións profesionais ou embarcacións que, sendo de recreo, pertenzan a unha tipoloxía que non teña cabida no Club Náutico”, o que considerou unha evidencia de que se está a primar “o afán de recadación”.

Neste sentido, lembrou que o BNG xa ten denunciado en diversas ocasións que a Lei de Portos, aprobada en solitario polo PP, era “privatizadora” e tiña como obxectivo “facer caixa”, “mercantilizar a actividade portuaria” e “converter os peiraos en espazos illados da realidade das vilas, onde teñen que estar inseridos”.

Prado considerou que a decisión tomada por Portos de Galiza “deixa en situación de indefensión” á asociación e “pon en risco a continuidade da mesa e das súas embarcacións, xa que supón a súa expulsión da dársena de Portonovo”. “Deixen de poñer problemas; Portos de Galiza non pode desentenderse de buscar unha solución e existen alternativas, tal e como lle teñen trasladado dende a asociación”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG