BNG reclama unha política cultural que poña ao libro galego no mapa internacional fronte á desatención do Goberno do PP

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas denunciou “o baleiro” do posto da Xunta na Feira Internacional do Libro, “que non contou con persoal especializado nin editoras nin actividade propia”, recriminou

O BNG propón unha política cultural que coida e promova o libro galego alén das nosas fronteiras fronte á desatención do Executivo do PP, que levou á Feira Internacional do Libro en Fráncfort un posto sen libros nin atención profesional nin presenza física do sector literario de Galiza.

A portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, denunciou “a incompetencia dun Goberno do PP incapaz de poñer o libro galego no mapa a pesar dos éxitos dun sector creativo e editorial vizoso e activo” e contrapuxo o papel “de desidia e baleiro” da Consellería de Cultura co do mundo editorial galego, cuxo stand “tivo actividade constante e fixo de representación dunha creación literaria que está viva grazas ás súas autoras e autores e moi a pesar deste desleixo e ridículo dun goberno desgastado”, criticou.

Un PP, remarcou Queixas, “que con esta actitude toca fondo na súa posta en valor do panorama cultural”. A esta “parálise”, denunciou, súmase “o fracaso de participación e a perda dunha oportunidade tan grande para o País, xa que a de Fráncfort é a maior feira de negocios editoriais do mundo, o maior escaparate literario”, argumentou. De feito, sinalou que para o Goberno dos Populares “esta grande ocasión nin sequera merecera a presenza de ningunha autoridade política da Xunta, só remitiron unha nota de prensa cunha foto do ano pasado porque neste non tiñan nin libros nos estantes”.

A deputada nacionalista puxo o foco na necesidade “urxente” dunha política cultural de internacionalización do sector editorial galego fronte “uns orzamentos para 2023 que non están por ese labor”. A partida prevista para as feiras internacionais, recriminou, “segue conxelada ano tras ano”. Fronte a isto, puxo en valor as propostas do BNG para poñer ao libro galego no mapa coa creación dun Instituto Rosalía de Castro de Internacionalización da Cultura Galega e a aprobación dun Plan de Dinamización da Lectura, “tal e como prescribe a Lei do Libro dende o 2006”, engadiu.

Neste sentido, Queixas emprazou á Consellería de Cultura a “mediar e facer de apoio” ao sector, propostas que se atoparon co silencio do PP, que non aclarou o fracaso da súa participación na Feira Internacional de Fráncfort nin detallou medidas de apoio para promocionar o sector editorial galego no eido global.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG