BNG reclama maior investimento para Lugo Sul nos Orzamentos do Estado para 2023

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor defende levar a cabo actuacións para a mellora da seguranza viaria na N-120 e recuperar todos os servizos ferroviarios que os gobernos do Estado -de PP e PSOE- foron desmantelando co paso do tempo

A frente nacionalista demanda desenvolver políticas verdadeiramente sociais nestes orzamentos para paliar a crise que atravesan as clases populares

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar as emendas rexistradas aos Orzamentos Xerais do Estado para 2023 para reclamar un incremento no investimento destinado ás comarcas do sur de Lugo. Entre as propostas destaca a recuperación dos servizos ferroviarios desmantelados, a mellora da seguranza viaria -sobre todo na N-120 por seren a principal vía de comunicación- e a habilitación de espazos naturais, como o embalse de Vilasouto, para uso e goce da veciñanza. Así mesmo, a organización nacionalista reclama unha aposta decidida por políticas verdadeiramente sociais que axuden a paliar a grave crise social e económica, como a suba das pensións ou garantir o financiamento á dependencia.

Dentro das emendas rexistradas, a frente nacionalista destaca un fondo para a mellora do embalse de Vilasouto, situado no Concello do Incio, que habitualmente é empregado para o abastecemento de auga para o seu consumo e para o regadío. “Neste momento proporciona auga aos concellos de Bóveda e Monforte e é empregado tamén como zona de paseo e baño polos habitantes de Sarria” explica Rego.

“Recentemente, comezouse a desenvolver actividades relacionadas con deportes náuticos como as clases de piragüismo mais, con todo, hai que asegurar que a práctica da natación e deportes sexa segura. É preciso habilitar unha zona de baño, con piscina, e habilitar instalacións para a práctica de deportes náuticos” salienta o portavoz do BNG no Concello de Monforte, Emilio J. Sánchez.

“É necesario revisar e actualizar o censo de regadores do Val de Lemos xa que, no seu momento, só se incluíu información sobre o nome do regador e a superficie que regaba mais, na actualidade, no se sabe xa que é regador e non se están abonando as cotas por regadío” explica o deputado do BNG. Neste sentido, a frente nacionalista tamén engade unha emenda para a condonación da débeda contraída polos regadores do Val para, a través da actualización do censo, reiniciar a actividade da Comunidade de regadores.

A organización nacionalista tamén demanda unha serie de actuacións para a mellora da seguranza viaria en varios tramos da N-120. “O mal estado do firme e a maleza que cobre os marxes fan que sexa imprescindíbel unha actuación por parte do MITMA e, onde for posíbel, unha ampliación dos carrís, sobre todo entre Os Peares até Montefurado, no Concello de Quiroga” afirma o deputado nacionalista. Alén do máis, o alcalde da Pobra de Brollón, Xosé Luís Maceda Vilariño, urxe a intervención de Quiroga até Sober para a rehabilitación do firme e o desdobramento do carril no tramo, así como atender as zonas de dificultades arqueolóxicas e patrimoniais.

“Propomos a recuperación das antigas vías de comunicación fluviais entre os concellos de Pantón e Carballedo. Repoñer os antigos pasos de barca sería un método para a fixación de poboación e favorecería o desenvolvemento socioeconómico destes concellos” explico Rosa Prieto, portavoz do BNG no Concello de Pantón e responsábel comarcal da organización.

Alén do máis, o deputado do BNG no Congreso sinala a emenda para a reposición dos servizos ferroviarios na estación de Monforte. “Hai que recuperar os servizos que, pouco a pouco, os Gobernos do Estado tanto do PP como do PSOE foron quitando a esta estación” apunta o portavoz. Así mesmo, engade a necesidade de recuperar os trens con procedencia e destino no País Vasco, Cataluña ou Madrid, así como recuperar o nocturno a Barcelona e incrementar as liñas e frecuencias a Lugo e A Coruña na nova vía electrificada.

Políticas verdadeiramente sociais

“Lugo, xunto con Ourense, ten as pensións medias máis baixas do Estado, inferior a mil euros. Subir as pensións mínimas -como propón o BNG e se comprometeu o Goberno de coalición- permitiría reducir a fenda de xénero e a territorial” explica o deputado do BNG no Congreso. Por outra banda, a organización nacionalista demanda cumprir a Lei de Dependencia e garantir 50% de financiamento por parte do Estado. Medidas, entre outras, que axudarían a paliar as consecuencias da crise social e económica xerada pola suba disparada dos prezos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG