BNG reclama implantar o servizo de cercanías na área metropolitana de Vigo

Néstor Rego aposta pola modernización da rede ferroviaria e defende a posibilidade de implantar o servizo de proximidade recuperando apeadeiros agora abandonados ou con un uso mínimo como son os de Mos, Cesantes ou Chapela

Xabier P. Igrexas: “Entendemos a mobilidade ferroviaria como unha forma sustentábel, moderna e eficiente de movernos”

O Bloque Nacionalista Galego presenta en Vigo, na estación de ferrocarril Guixar, a campaña “Queremos tren” e as iniciativas que a acompañan para que o Goberno do Estado implante o servizo de proximidade na área metropolitana de Vigo, así como no resto de áreas urbanas da Galiza. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende o ferrocarril como medio de transporte “eficaz, eficiente e sustentábel” e aposta pola modernización tanto das infraestruturas, das redes como dos servizos ferroviarios no País.

“Queremos Tren” é a campaña lanzada polo BNG para reclamar unha rede ferroviaria galega que brinde un servizo de transporte sustentábel e de calidade á cidadanía. O deputado da organización nacionalista fixo a presentación hoxe en Vigo e anunciou o rexistro de iniciativas específicas reclamando a creación do servizo de proximidade en Vigo e a súa área de influencia. Na presentación tamén participaron o voceiro municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, o voceiro da formación no Concello de Mos, Gustavo Barcia, e a concelleira do BNG en Redondela, Jessica García.

Para o BNG non pode entenderse que, a estas alturas do século XXI na Galiza, aínda non estean implantados os servizos de proximidade ferroviaria, reclamación que xa se ten levado en reiteradas ocasións tanto ao Congreso como no Parlamento da Galiza e mesmo Rego preguntou directamente á Ministra de Transportes sobre a exclusión da Galiza deste tipo de servizos, que se escudou na existencia de servizos de media distancia, pero que non son equiparábeis en absoluto. “Un servizo de proximidade implica traxectos específicos, de curta distancia, con horarios e maiores frecuencias e tamén con prezos específicos” destaca Rego.

 “Estamos asistindo ante un proceso de desmantelamento dos servizos ferroviarios na Galiza, que continúa eliminando servizos, e sen que se recuperaran aínda os horarios e frecuencias de antes da pandemia. Como medio de transporte sustentábel, resulta inexplicábel para cumprir os propios obxectivos marcados polo Goberno para a descarbonización que non se aposte pola mellora do transporte ferroviario” denuncia o deputado do BNG. Rego cualifica o ferrocarril como un medio “eficaz, eficiente e sustentábel” e aposta pola implantación deste servizo na Galiza, tamén na área metropolitana de Vigo “a máis populosa do País”.

A organización nacionalista defende a conexión polo sur co Porriño e Tui e polo norte con Redondela. Inclusive recuperar o funcionamento de apeadeiros abandonados  como o de Chapela que quedaron sen servizo. “Mais tamén apostamos por unha perspectiva máis ampla a través da conexión con Pontevedra e Vilagarcía. Uns servizos que prestarían con excelente calidade, mesmo aproveitando as infraestruturas existentes na actualidade e que poden pórse en marcha de maneira inmediata” subliña o deputado.

Pola súa banda, o voceiro do BNG no Concello de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, destaca a importancia que ten desenvolver a vertebración do servizo ferroviario na área metropolitana de Vigo. Denuncia a actitude do partido do goberno municipal, o Partido Socialista, por non terse sumado á reclamación da posta en marcha do servizo de proximidade ferroviaria. “Xa levamos esta cuestión como emenda aos Orzamentos do Estado para 2021 e 2022 e tivo o voto en contra dos partidos do Goberno. Tamén se rexeitou unha moción que presentamos no Concello de Vigo” lembra Xabier P. Igrexas.

“Para o BNG esta cuestión é estratéxica esta reclamación do tren de cercanías apostando decididamente pola mobilidade ferroviaria como unha forma sustentábel, moderna e eficiente de movernos e para ir reducindo paulatinamente o uso do vehículo particular” conclúe o voceiro municipal do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG