PARLAMENTO EUROPEO

O BNG reclama para Galiza a xestión íntegra dos fondos europeos de reconstrución que lle corresponden

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda critica a falta de transparencia do goberno galego na selección de proxectos
O BNG reclama para Galiza a xestión íntegra dos fondos europeos de reconstrución que lle corresponden

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende que Galiza xestione a totalidade dos fondos europeos de reconstrución, e non o 50% como anunciou onte Pedro Sánchez na Conferencia de Presidentes. Para a nacionalista trátase dun “grave problema de centralización do reparto” dos 140.000 millóns de euros que lle corresponden ao Estado español, dos que 72.000 millóns corresponden a transferencias directas.

“Por que Galiza non pode xestionar o 100% dos fondos que lle corresponden? Con só a xestión do 50% Galiza perde boa parte de capacidade na toma de decisións sobre como impulsar a saída de Galiza da crise”, salienta Miranda, quen considera que “Galiza debe ter voz propia na negociación e na xestión dos fondos europeos para non quedar atrás no seu reparto”, algo que ao seu xuízo Feijóo non está defendendo.

A portavoz do Bloque en Europa manifesta que no BNG “temos medo que sexan as empresas do IBEX as que se beneficien maioritariamente dos fondos europeos fronte as pequenas e medianas empresas que conforman boa parte do tecido económico galego”.

Por outro lado, Ana Miranda critica a falta de transparencia e escurantismo do goberno galego na suposta selección de proxectos que poden optar aos fondos europeos. “A Xunta fala de 108 proxectos que poden mobilizar 9.400 millóns de euros como candidatos aos fondos Next Generation, pero non sabemos en función de que criterios foron seleccionados, nin se quedaron proxectos fóra, nin quen os seleccionou”, manifesta a portavoz do BNG en Europa.

“Cando menos é curioso que Feijóo pedira onte criterios claros no reparto dos fondos cando el non explica que criterios utiliza para seleccionar uns proxectos e non outros”, apunta Miranda, quen demanda ao goberno galego transparencia informativa sobre o reparto dos fondos.

Criterios de distribución

O BNG defende que os fondos do MRR se dediquen realmente a políticas que permitan avanzar no desenvolvemento sustentábel de Galiza (social, económico e ambiental) e contribúan a corrixir os desequilibrios sociais e territoriais no Estado. Así, o Bloque defende que na distribución dos fondos do MRR se teñan en conta , a inversa do PIB per cápita, a situación demográfica, a taxa de desemprego ou o peso do rural, entre outros.

“Lembremos que segundo as autoridades comunitarias os fondos de recuperación deben contribuír à cohesión económica, social e territorial, un obxectivo que comparte cos fondos estruturais”, explica Ana Miranda.

O BNG reclama para Galiza a xestión íntegra dos fondos europeos de reconstrución que lle corresponden