O BNG reclama que se cumpra o dereito á prexubilación do persoal sanitario estatutario

Intervención de Montse Prado

A deputada do BNG, Montse Prado lamentou o voto en contra do Partido popular do que dixo, “enche a boca” para presumir da Sanidade galega pero rexeita as iniciativas para garantir os dereitos dos seus profesionais

Intervención de Montse Prado na Comisión de Sanidade

A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu na Comisión de sanidade unha Proposición non de lei destinada a facilitar ao persoal sanitario estatutario a xubilación parcial ou anticipada.

A deputada considerou que é un “recoñecemento” ao persoal sanitario estatutario e unha petición sustentada en iniciativas aprobadas polo Goberno do Estado e criticou que pasado o tempo aínda non foran concretadas. O 13 de xullo do ano 2006, explicou, subscribíase o acordo en materia de Seguridade social promulgándose posteriormente a Lei 40/2007 sobre medidas en materia social. Na Lei, a disposición adicional 7ª reflicte que no prazo dun ano o Goberno presentará un estudo sobre normativa reguladora sobre a xubilación anticipada e parcial d@s empregad@s públicas pero tras sete anos da aprobación da Lei, “ seguen sen ese dereito”.

O persoal sanitario pide a regulación  do  dereito á prexubilación

A finais do mes de abril foron rexistradas case 4.000 sinaturas do persoal de sanidade para regular o dereito a xubilación anticipada. Para o BNG, a demanda é “xusta” polas propias características da prestación de servizo, “24 horas ao día os 365 días do ano” e cun traballo rotativo e nocturno que conleva problemas de saúde ademais do “estres” por tomar decisións sobre a saúde d@s doentes.

Por outra parte, criticou o incumprimento dos acordos establecidos cos sindicatos entre os que destacou que o persoal facultativo maior de 65 anos non realizara gardas nin horarios nocturnos para o persoal que supera os 55 ou 60 anos, de novo, dixo, isto non se cumpre baixo a “escusa” da falta de persoal para cumprir as quendas.

Montse Prado

Por todas as razóns e atendendo as demandas dos propios afectad@s, a deputada instou a Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para que “acorde coa disposición adicional da lei 40/2007 de medidas en materia de seguridade social, nun prazo non superior a seis meses presente un estudo sobre a normativa reguladora da xubilación anticipada e parcial d@s empregad@s públicos recollendo a realidade especifica do persoal estatutario e funcionario dos servizos de saúde e tomando en consideración ás súas singularidades”.

O PP vota en contra do dereito de prexubilación do persoal estatutario da sanidade

Pola súa parte, o portavoz do PP, Miguel Santalices afirmou que a lei do ano 2007 ten como dificultade o seu desenvolvemento pola existencia “dunha grande variedade de persoal estatutario, funcionario e laboral” e esa circunstancia “dificulta a norma”. O portavoz popular anunciou o voto en contra a iniciativa nacionalista.

Na quenda de réplica, a deputada do BNG lamentou que, máis unha vez, o Partido popular que “enche a boca” presumindo da sanidade galega cando ten que reclamar melloras para o persoal, rexeita as iniciativas nesta dirección.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG