BNG reclama no Congreso un novo sistema de financiamento para a Galiza: o concerto económico

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego: “O actual sistema de financiamento é inxusto, inadecuado e lesivo para a Galiza. Perdemos case un terzo -4.500 millóns de euros- dos impostos que pagamos ao Estado”

A frente nacionalista defende a capacidade para lexislar e recadar todos os impostos no noso País e rematar co “efecto sede” de Madrid para que as empresas teñan que pagar os impostos alí onde operan

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado unha revisión do actual sistema de financiamento para a Galiza por ser inxusto, inadecuado e lesivo. A frente nacionalista defende un sistema de concerto económico con capacidade para lexislar e recadar todos os impostos no noso País, así como estabelecer bilateralmente a relación económica e fiscal que poida ser acordada. Néstor Rego urxe rematar co espolio fiscal ao que se ve sometida a Galiza, incluído o efecto perverso do chamado “efecto sede” con máis de 4.000 empresas que, traballando na Galiza, pagan os seus impostos en Madrid.

Durante o debate no Congreso dos concerto económico de Euskadi e o convenio de Navarra, o deputado do Bloque Nacionalista Galego voltou a sinalar o inxusto e inadecuado sistema de financiamento autonómico para a Galiza. Neste sentido, Néstor Rego exixe unha revisión e modificación do actual modelo de financiamento para rematar “co espolio fiscal ao que está sometido o noso País”.

Rego denunciou o relato “tan funcional aos partidos estatais” de a Galiza é un País subsidiado, que vive da caridade do Estado español: “somos un País que vive do noso propio traballo e do noso propio esforzo” reivindica. Como exemplo do espolio, lembrou os datos de liquidación dos Orzamentos de 2019 que resultan nun saldo negativo para a Galiza nas súas relacións fiscais co Estado de, aproximadamente, 4.500 millóns de euros. “O Estado recadou na Galiza, nese ano, 13.200 millóns, mais só reintegrou 8.650 millóns. É dicir, perdemos case un terzo dos impostos que pagamos ao Estado. Dato mata relato e os datos son esclarecedores” denuncia.

Iso, sen tomar en consideración o “efecto sede” que prexudica a Galiza posto que máis de 4.000 empresas -4.165 empresas no ano pasado- especialmente grandes empresas que operan na Galiza, algunhas de maneira exclusiva, pagan os seus impostos en Madrid. Entre estas, áchanse algunhas das grandes enerxéticas que teñen desde saltos hidroeléctricos a parques eólicos ou térmicas -agora en proceso de fechamento-, ningunha en Madrid mais pagan os seus impostos na capital do Estado.

“Un caso como ENDESA, esa empresa que era pública e que foi privatizada -que agora é filial da empresa pública italiana ENEL mais aquí opera como unha grande empresa privada-, con embalses hidroeléctricos, con parques eólicos e cunha térmica na Galiza mais que paga o imposto de sociedades -329 millóns de euros no ano pasado- en Madrid, onde non ten ningún embalse, ningún parque eólico e ningunha térmica, polo que non xera ningún impacto ambiental negativo” exemplifica o deputado do BNG, Néstor Rego.

Alén do máis, a frente nacionalista abre a porta a “modificacións posíbeis no modelo actual que contribuirían para unha maior xustiza” tomando en consideración criterios como “o envellecemento poboacional, a dispersión poboacional -que encarece os servizos prestados-, a cesión do imposto de sociedades á Galiza ou obrigar a que as empresas que operen no noso País tributen nel, e capacidade para avanzar nunha fiscalidade verde para loitar contra a emerxencia climática”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG