BNG reclama cercanías ferroviarias para a área da Coruña

Campaña tren
Campaña tren

Néstor Rego demanda traxectos específicos de curta distancia, máis frecuencias e tarifas específicas para dar servizo a máis de 400.000 habitantes

Jorquera destaca que a visita da Ministra é “unha oportunidade de ouro” para que a alcaldesa reclame os servizos de proximidade a condonación da débeda do porto e evitar a especulación cos terreos do porto interior

 

O Bloque Nacionalista Galego presenta na Coruña, a campaña “Queremos tren” coa presenza do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado polo Responsábel Comarcal, Daniel Carballada, e o voceiro municipal do BNG, Francisco Jorquera e a concelleira Avia González. A organización nacionalista demanda ao Goberno do Estado implantar o servizo de proximidade na área metropolitana, así como no resto de áreas urbanas da Galiza. Defende o ferrocarril como medio de transporte “eficaz, eficiente e sustentábel” e aposta pola modernización tanto das infraestruturas, así como dos servizos ferroviarios no País.

Dentro da campaña “Queremos tren” inclúese tamén a demanda para a implantación dos servizos de cercanías de Renfe na Galiza, unha das poucas comunidades que carece deste servizo na actualidade. “Hai cidades máis pequenas no Estado español que si teñen este tipo de servizos, en cambio, áreas urbanas de 400.000 habitantes como a da Coruña que non a teñen. Isto é unha mostra de abandono dos servizos ferroviarios no noso País” denuncia o deputado Néstor Rego.

O voceiro no Congreso lembrou que a propia Ministra de Transportes, en resposta a unha pregunta oral do BNG, atreveuse a dicir que na Galiza aínda que non existen propiamente servizos de proximidade, os de media distancia facían esa función. “Isto é absolutamente falso, pois todos sabemos que os servizos de cercanías implican traxectos específicos de curta distancia, horarios máis frecuentes e tarifas máis baratas. Ningunha destas cousas existe nas áreas urbanas da Galiza” subliña Rego.

O BNG considera unha urxente necesidade apostar pola implantación este servizos para áreas urbanas como A Coruña que conta con un importante número de concellos moi poboados e que contan xa, ademais, cunha infraestrutura existente “que sería moi doado reconverter par o seu uso como cercanías, e permitiría un transporte limpo, sustentábel e eficiente, aliviando a intensidade de tránsito da entrada e saída da Coruña de vehículos particulares”. Rego anuncia que o BNG non vai renunciar a este obxectivo, e que seguirán traballando tanto socialmente como nas institucións para que Galiza conte cuns servizos ferroviarios modernos, áxiles e adaptados á mobilidade do século XXI.

Na súas declaracións, o voceiro municipal, Francisco Jorquera, congratulou ironicamente a presenza na cidade da Coruña da Ministra de Transportes para anunciar a licitación da obra para o acceso ferroviario co porto exterior: “non foi sen tempo”. Formula a visita da Ministra como unha “oportunidade de ouro” para que a alcaldesa da cidade demande “a condonación da débeda do porto da Coruña ou unha solución equivalente para que o Estado contribúa cunha cantidade equivalente á débeda que ten contraída o porto e transformar o porto interior da Coruña”. Isto suporía evitar calquera tentación especulativa cos terreos do porto interior da Coruña e “evitar a hipoteca que esa débeda representa para a cidade”.

Así mesmo, sinala a implantación do servizo ferroviario de proximidade tamén como unha oportunidade para conectar “co Campus Universitario, cos polígonos industriais e mesmo co propio corazón da cidade se se aproveitan as vías existentes no porto”. De facto, explica que xa existen infraestruturas idóneas para implantar o servizo que contrarrestaría o fluxo de máis de 100.00 vehículos que diariamente entran e saen da cidade.

“É un modelo de transporte máis social e asumíbel para todas as persoas, independentemente da súa condición económica e social. Tamén é un medio de transporte que ten menor impacto medioambiental” conclúe Jorquera.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG