CONGRESO

O BNG reclama que o Blue Star sexa reparado integramente nas instalacións de Navantia

Néstor Rego
Néstor Rego
O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno que realice as xestións oportunas para que o Blue Star sexa arranxado na ría de Ferrol en compensación polos prexuízos causados.
O BNG reclama que o Blue Star sexa reparado integramente nas instalacións de Navantia

O deputado Néstor Rego rexistrou no Congreso unha Proposición Non de Lei reclamando ao Goberno que intermedie e realice as xestións necesarias para que o buque Blue Star, que encallara na ría de Ares, sexa reparado integramente nas instalacións de Navantia Ría de Ferrol.

O buque que encallou na costa das Mirandas, na Ría de Ares, evidencia unha vez máis a fraxilidade e vulnerabilidade da costa galega, sempre en risco de sufrir catástrofes medioambientais polo elevado tráfico marítimo que soporta. Recollendo as demandas dos e das representantes sindicais da Confederación Intersindical Galega en Navantia, ante a falta de traballo, o deputado Néstor Rego levou esta petición o Congreso.

O BNG ve unha oportunidade de facer da necesidade, virtude, transformando un accidente marítimo en emprego, resarcindo así, os prexuízos causados polo encallamento. A drástica caída da ocupación en obra nova, e polo tanto, a necesidade de materializar todas as posibilidades de contratación na área de Reparacións. Unha carga de traballo que chegaría precisamente a unha comarca e a un sector que leva xa moitos anos o borde do abismo.