parlamento galego

BNG reclama aumentar un 25 % o orzamento da Atención Primaria e rematar coa derivación de recursos á privada

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado denuncia a “iniquidade” das políticas sanitarias da Xunta do PP, que “deixan na cuneta” aos usuarios do Sergas máis vulnerables

A deputada do BNG Montse Prado defendeu hoxe no Pleno do Parlamento unha moción para reclamar ao Goberno galego que os Orzamentos de 2024 contemplen un aumento “como mínimo” do 25 % na partida destinada a Atención Primaria, co obxectivo de que esta chegue a representar o 25 % do total destinado a sanidade, excluído o gasto farmacéutico.

A deputada asegurou que a Atención Primaria pasou de representar o 2,55 % do PIB galego no ano 2009 ao 2,33 % actual, e subliñou que, segundo o informe o Ministerio de Sanidade sobre gasto sanitario consolidado, Galiza é a penúltima comunidade do Estado en investimento nesta etapa da sanidade. Tamén é, agregou, unha das últimas en gasto por habitante e cuarta pola cola en persoal sanitario, “con recortes de persoal, precariedade nas condicións de traballo e nos salarios ou convocatorias raquíticas de ofertas de emprego”  

Nunha intervención na que volveu denunciar os recortes na sanidade pública en favor da privada, Prado instou ao Goberno do PP a presentar no prazo dun mes un informe con datos reais sobre as prazas estruturais sen cubrir nos centros sanitarios, o número de xubilacións que se van producir nos vindeiros cinco anos, a cifra de galegxs sen asignación de medicx e pediatra, a cifra de profesionais que están realizando un aumento de xornada laboral ou o número medio de doentes que están atendendo cada día.

Datos que a deputada considera necesario coñecer para que a Consellería de Sanidade tome as medidas adecuadas para mellorar a atención sanitaria que, dixo, leva anos sufrindo os recortes dun Goberno do PP cunha folla de ruta clara: “Poñerlle a alfombra vermella á sanidade privada en detrimento da pública”, denunciou.

Fixo así unha chamada “á transparencia” e, logo de que o PP se amosase en contra das propostas do BNG, advertiu de que “os galegos e as galegas non son tontos, saben como está a sanidade pública e saben o que sofren todos os días, saben o que é chamar e non conseguir cita ata dentro de quince días, saben o que é estar en lista de espera durante meses para especialidades hospitalarias, saben o que estar agardando unha intervención cirúrxica durante anos”.

Montse Prado alertou das consecuencias dos recortes na pública, e a “iniquidade” que están xerando as políticas da Xunta do PP, “deixando na cuneta á poboación máis vulnerable”, xa sexa por falta de recursos, polo seu lugar de residencia, a idade ou as competencias tecnolóxicas.

Entre outras cuestións reclamou á Consellería de Sanidade que remate coa “derivación permanente” de recursos públicos cara a sanidade privada, tomando todas as medidas para que a rede pública teña os recursos precisos tanto materiais como humanos para atender a demanda existente, empezando por ter operativos en horario de mañá e tarde todos os recursos do Sergas.

No seu último punto, a moción do BNG esixía rectificar a decisión de pagar o complemento por dedicación exclusiva xs profesionais que desenvolven a súa actividade na sanidade pública e na privada, un millón de euros ao mes que Prado reclamou devolver á rede pública. A proposta do Bloque é manter o complemento só para aqueles que exerzan unicamente no Sergas.  

A deputada nacionalista aproveitou a defensa da moción para reclamar tamén un cambio na política laboral do Sergas, a causa que, asegurou, está detrás de que moitxs profesionais rexeiten traballar en Galiza. Ironizou, neste sentido, co plan de choque que solicita Feijóo para a Atención Primaria, “para facer o que el non fixo en Galiza”.

Criticou así que o PP siga pedindo un MIR extraordinario cando na última convocatoria houbo 29 prazas en Galiza “que non quixo ninguén”. “Na área de Vigo acabaron 17 e só 7 quixeron o contrato en Atención Primaria, e en Santiago remataron 11 e só 2 quedaron en Atención Primaria”, apuntou Montse Prado, quen atribuíu esta situación a que os profesionais da sanidade “non soportan as condicións laborais ás que (a Consellería) os teñen sometidos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG