congreso

BNG reclama ao Goberno exixa garantías de mantemento do emprego en Celsa Atlantic na Laracha

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego exixe a implicación de todos os actores implicados - Grupo Celsa Atlantic, SEPI, representación sindical- na procura dunha solución que evite un desastre laboral e industrial

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda o compromiso do Goberno do Estado para garantir a continuidade da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo na factoría de Celsa Atlantic na Laracha. Así mesmo, solicita que sexan adoptadas todas medidas necesarias, incluídas as axudas económicas dos PERTE, para o crecemento da Laracha no futuro próximo.

O Ministerio de Industria fixo pública unha aclaración a respecto da operación de conversión da débeda en capital no caso de CELSA, pola que os acredores da siderúrxica faranse co control da empresa, en que sinalaba que esta operación require da autorización por parte do Consello de Ministros. Isto significa que o órgano do Goberno terá a potestade para autorizar ou rexeitar a toma do control do total do capital e a reestruturación do Grupo Celsa Atlantic, empresa que conta cunha planta na Laracha en que operan, entre traballadores directos e indirectos, unhas 190 persoas.

A organización nacionalista demanda o compromiso do Goberno do Estado para que garanta a continuidade da actividade industrial no centro de traballo e, conxuntamente co resto de partes implicadas, se chegue a unha solución. “Os traballadores e traballadoras non poden ser as vítimas de manobras especulativas por parte dos acredores e os fondos, que buscarán o máximo rendemento aínda que iso supoña pór en risco o futuro laboral e industrial da factoría” sinala o deputado do BNG no Congreso.

“Os actores implicados –Grupo Celsa Atlantic, SEPI, representación sindical- deben comprometerse a procurar unha solución que evite o desastre laboral e industrial que se producirá se se permite o fechamento ou despezamento da factoría. Debe asegurarse nesta operación o mantemento de todos os postos de traballo na planta” reclama Néstor Rego. Neste sentido, engade, defende a creación dun plan industrial e de viabilidade para asegurar a continuidade dos postos de traballo.

O Ministerio “ten que asegurar a viabilidade futura da empresa, así como o mantemento de todos os postos de traballo e a súa continuidade no Estado español, e para iso debe asegurar a adopción dun industrial para a empresa e contemplar a posibilidade de investimento e de crecemento a futuro na Laracha prevendo, de ser necesario, axudas económicas dos PERTE”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG