BNG reclama ao Goberno do Estado o indulto para María Salmerón

Violencia machista
Violencia machista
Rego rexistra iniciativas para exixir ao executivo esgotar todas as vías posíbeis e lograr un novo indulto para esta muller, vítima da violencia de xénero, que antepuxo a protección da súa filla á súa propia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado indulte á vítima de violencia de xénero, María Salmerón, condenada por antepoñer a seguridade da súa filla aos seus propios intereses. Demanda a actuación por parte do  que se autodenomina “Goberno máis progresista” á maior brevidade, pois prevese que o vindeiro mércores, 18 de maio, a xuíza do caso notifique xa a entrada en prisión. Rego demanda ao executivo que rectifique a denegación do indulto ou, cando menos, a emisión desta resolución para que poda recorrerse e esgotar a vía administrativa, especialmente tendo en conta a urxencia que impoñen os prazos xudiciais.

María Salmerón, vítima de violencia de xénero e cuxo agresor non cumpriu nunca a pena a prisión á que foi condenado hai dúas décadas, tivo que tomar a decisión de exercer ela mesma a protección que o Estado non ofrecía á súa filla. Estas actuacións levaron a María a varios xuízos e condenas por desobediencia e, en todos eles, contou co indulto do Goberno do Estado- incluído o Goberno presidido por M. Rajoy- ao entender que estaba antepondo a seguridade da súa filla aos seus propios intereses, á súa liberdade.

O pasado 26 de abril, María Salmerón presentou ante o executivo a solicitude do indulto da súa última condena mais desta volta, o que se considera “Goberno progresista” rexeitou a solicitude “a pesar das case 70.000 sinaturas que apoiaban a petición e a presión do movemento feminista”. Segundo a información obtida até o momento, este asunto non chegou nin tan sequera a debaterse porque foi incluída no grupo de temas sobre os que había consenso no seo do executivo estatal.

“Este feito é de fonda gravidade se o sumamos a que o vindeiro 18 de maio María foi citada pola xuíza que a condenou, previsibelmente para notificarlle a data de ingreso en prisión. Este é un asunto que debería considerarse de interese xeral” reivindica o deputado do BNG. Rego entende que, tendo en conta que as condicións en que María Salmerón foi indultada nas últimas ocasións non difire das actuais, o Goberno debería de actuar e estudar todas as posibilidades existentes “para evitar o ingreso en prisión dunha vítima que, no contexto lexislativo actual nunca sería condenada dado que a súa filla recibiría protección por parte dos organismos do Estado”.

En opinión do deputado do BNG, o Goberno non se está dando conta de que, ademais de non ter concedido o indulto, está provocándolle un prexuízo á interesada ao atrasar a emisión da resolución de denegación do indulto. “Isto impide a María recorrer a resolución e esgotar así a vía administrativa, especialmente tendo en conta a urxencia que impoñen os prazos xudiciais” reclama Rego.

Alén do máis, a organización nacionalista non entende a denegación do indulto e demanda ao Goberno que esgote todas as posibilidades existentes para evitar o ingreso en prisión dunha vítima da violencia machista que, no contexto lexislativo actual, nunca sería condenada dado que a súa filla recibiría protección por parte dos organismos do Estado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG