CONGRESO

BNG reclama ao Goberno do Estado a cesión da Terraza de Sada para uso público

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego urxe acometer as obras necesarias de restauración e conservación para protexer a construción declarada Ben de Interese Cultural
BNG reclama ao Goberno do Estado a cesión da Terraza de Sada para uso público

A formación nacionalista rexistra no Congreso iniciativas para reclamar a cesión do edificio da Terraza, no Concello de Sada, por parte do Goberno do Estado á administración municipal, ademais de acometer as obras necesarias de restauración e conservación. A Dirección Xeral da Costa e o Mar acaba de ditar resolución denegando a prórroga da concesión administrativa sobre o dominio público marítimo en que se asenta a construción e, en consecuencia, agora a Terraza reverterá en favor do Estado que debe garantir a súa conservación e asegurar que se destine a un uso público en beneficio dos veciños e veciñas de Sada.

A Terraza de Sada é unha das obras máis destacadas do modernismo galego e mesmo foi declarado como Ben de Interese Cultural (BIC) en 2020 por ser unha peza única do “Art Nouveau”. Na súa orixe, esta construción de madeira foi realizada en 1912 na cidade da Coruña para ser empregada como quiosque de bebidas nos Xardíns de Méndez Núñez. A infraestrutura foi adquirida por un sadense en 1920 e trasladada á praia urbana de Sada onde se mantivo até a actualidade.

Este edificio sitúase en terreos de dominio público marítimo-terrestre cedidos en concesión administrativa e a construción destinábase á venda de refrescos e licores na Praia de Sada. Coa expansión e o desenvolvemento urbanístico da vila, a día de hoxe A Terraza sitúase en pleno paseo marítimo. En 2017, os herdeiros do concesionario orixinario solicitaron prórroga da concesión administrativa que foi denegada en febreiro de 2021. Na resolución  da Dirección Xeral da Costa e o Mar arguméntase que, existe un prazo máximo de duración das concesións incluídas as prórrogas, e que non pode superarse, de 75 anos, polo que a concesión da Terraza superaría o prazo máximo permitido e non se pode prorrogar.

“Mais o que tamén propón a Dirección Xeral, dado o valor das instalacións declaradas como BIC, é que se manteña infraestrutura, aínda que non se poida prorrogar a concesión. Así, ese ben pasaría a ser propiedade do Estado” destaca o deputado do BNG no Congreso “polo que a restauración e conservación da Terraza, agora mesmo, sería obriga no Goberno español e debe acometelas canto antes para evitar un maior deterioro da edificación. Mais, ao mesmo tempo debe iniciar conversas co Concello de Sada para negociar a súa posterior cesión e establecer un convenio que asegure uns usos públicos compatíbeis cun adecuado mantemento.”

BNG reclama ao Goberno do Estado a cesión da Terraza de Sada para uso público