BNG reafirma o seu compromiso co colectivo LGBT no 45 aniversario da primeira manifestación en Galiza

Por unha Galiza ceibe e sen odio: o nacionalismo sae á rúa en defensa dos dereitos LGBT

Cúmprense 45 anos da primeira manifestación que percorreu as rúas galegas na defensa dos dereitos do colectivo LGBT. Foi en 1981 cando no rueiro vigués comezaron a resoar consignas reclamando dereitos para todas as persoas, consignas e demandas que o nacionalismo defendeu naquel momento e mantén vixentes desde aquela.

Aínda que resulta indiscutíbel o avanzo lexislativo e normativo que se foi dando co paso dos anos grazas á loita do colectivo, tamén na Galiza, é preciso pór de manifesto a pervivencia da LGBTfobia, cun apoio explícito de sectores da dereita e a ultradereita e que atopa novas canles para difundirse e propagarse a través das redes sociais. 

Aliás, estas ideoloxías reaccionarias non perden a ocasión de  instrumentalizar as violencias que sofre o colectivo para espallar, entre outros, racismo e xenofobia. Esta apropiación, xúntase ao pinkwashing realizado desde empresas privadas ata movementos políticos coma o sionismo, que non dubidan en parasitar o movemento LGBT+ para branquear a súa imaxe nunha suposta defensa dos dereitos humanos que vulneran reiteradamente.

A pesar do camiño andado, aínda fica moito por facer, non só para acadar novos dereitos senón tamén na defensa férrea daqueles xa recollidos actualmente na lexislación. Por isto, a loita segue a ser tan necesaria para combater a LGBTfobia en todas as súas formas, sendo esta a única vía para termos unha Galiza na que sermos  verdadeiramente libres.

Desde o BNG sostemos inquebrantábel este compromiso, mantendo a loita tanto nas rúas coma nas institucións. Así, continuaremos esixindo unha educación libre de violencias na que as crianzas poidan medrar no respecto á diversidade, unha sanidade non patoloxizante nin estigmatizante que atenda ás nosas necesidades concretas, e unhas administracións públicas completamente implicadas na erradicación da LGBTfobia. 

O horizonte está claro: a construción dunha Galiza ceibe, sen odio nin discriminacións, na que todes sexamos libres. Sabendo isto, este 28 de xuño voltamos alzar a nosa voz e saír ás rúas da man do movemento LGBT+ galego, na defensa dos dereitos de todas as persoas a construír o seu proxecto vital sen que as nosas disidencias sexuais ou de xénero nos limiten.