BNG propón rexenerar a Foz do Miñor para recuperar a actividade marisqueira, proposta rexeitada polo Partido popular

Carmela González
Carmela González
Carmela González  lamenta que o Partido popular dea as costas ás demandas da veciñanza e asociacións para recuperar unha zona de grande riqueza produtiva marisqueira  e ambiental

A través dunha proposición non de lei, a  deputada do BNG, Carmela González instou á Xunta a poñer en marcha, con carácter urxente, un plan de rexeneración da Foz do Miñor, así como dos ríos Miñor, Groba e Belesar, e todas as accións de saneamento e depuración nos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán para mellorar a calidade das augas e permitir a  recuperación e aproveitamento produtivo dos recursos marisqueiros na Foz do Miñor.

A deputada lamentou o veto do Partido popular á proposta nacionalista e insistiu que tanto a veciñanza como as asociación en defensa da zona, demandan esta “rexeneración”, de maneira urxente ante os altos niveles de contaminación detectados.

Dende 1999,explicou a deputada, parte do espazo da Foz está integrado na “Rede Natura 2000”e no ano 2003 foi recoñecida como  “Espazo Natural” no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa así como “Refuxio de Fauna”, ademais de incluída no Inventario de Humedais de Galiza.

Na  Foz do Miñor  no ano 2000, traballaban  76 mariscadoras  e nese ano foron extraídos 4.387 kg de ameixa fina, 1.325 kg de croque e 5.497 kg de cadelucha,  especie  que celebra cada ano  a festa da exaltación deste produto.

Aínda que no ano 2013 volveu ser declarada zona C, tras o peche do 2006, “a actividade reduciuse ao mínimo quedando apenas media ducia de mariscadoras faenando” e na actualidade  “é unha das poucas zonas pechadas ao marisqueo que hai en Galiza” polos  altísimos niveis de bacteria E. Coli.

Esta situación, explicou Carmela González, está provocada pola  contaminación  dende hai décadas e agravada polo incremento da poboación nos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán e a presión das actividades residenciais, industriais e turísticas na contorna.

No ano 2018, a petición  da Plataforma pola Protección da Foz do Miñor, a Mancomunidade de concellos do Val Miñor encargoulle á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) e o grupo Ecotox, baixo a dirección do profesor Ricardo Beiras García-Sabell, unha investigación para identificar os principais focos de contaminación.

O estudo denominado Avaliación microbiolóxica do impacto das augas residuais fecais no esteiro do Miñor reflectía unha situación análoga a un sumidoiro a ceo aberto, con enormes deficiencias na rede de saneamento, e múltiples entradas de augas fecais non depuradas. Asemade,  e  río Miñor, ao seu paso  polo punto de vertido da EDAR de Gondomar presentaba xa niveles “intolerablemente altos de bacterias fecais”.

O informe constata que os vertidos de augas fecais son “responsables” da deficiente calidade do marisco producido na Foz, sendo “indispensable e urxente tomar medidas de mellora no saneamento e depuración de ditas augas”.

A evolución da situación, dixo a deputada, confirma que a contaminación  “avanzou progresivamente co paso dos anos” e cada vez a zona contaminada é máis ampla, polo que as persoas que traballan no sector do mar preocúpalles a situación actual da Foz do Miñor mais tamén  que “este deterioro progresivo” da zona alcance á enseada de Baiona onde na actualidade realizan marisqueo a flote.

“Os valores ambientais, paisaxísticos e produtivos da Foz do Miñor xustifican a actuación urxente para a rexeneración deste espazo por parte da Xunta de Galicia, en coordinación con concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán que contemple todas as accións de saneamento e depuración nestes concellos para mellorar a calidade das augas e que permita recuperar o aproveitamento produtivo dos seus recursos marisqueiros”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG