Parlamento Galego

O BNG propón poñer sobre a mesa a opción do confinamento ante as cifras record de contaxios e falecementos por COVID19

Ana Pontón
Ana Pontón
Ana Pontón: “é o momento de tomar medidas contundentes para salvar vidas e salvar empregos,  canto antes mellor para frear o descontrol da pandemia”

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que as cifras de record de contaxios e de falecemento, -21 vítimas mortais nas últimas 24 horas, a metade persoas usuarias dunha residencia-, mostran que a pandemia está ao borde do descontrol e que, polo tanto, freala é unha urxencia que require medidas contundentes e inmediatas. Por iso, o BNG propón poñer sobre a mesa o confinamento, como a mellor maneira de frear a expansión do virus, e de adoptar esa medida canto antes.

Así o propuxo a líder nacionalista na súa intervención na Comisión de reactivación económica e social no Parlamento, que hoxe abría as comparecencias.

“Estamos nun momento de extraordinaria gravidade na expansión da pandemia, con cifras record de contaxios, con cifras pavorosas de vítimas mortais señorías”, recalcou, “por iso no BNG pensamos que hai que  tomar medidas contundentes e hai que facelo canto antes, porque canto antes significa salvar vidas, primeira obriga ética e moral, e significa tamén salvar empregos”, explicou.

Para o Bloque, e tendo en conta os datos que arroxa hoxe a segunda onda da pandemia, “é o momento de poñer sobre a mesa a opción do confinamento, porque os datos apuntan que esa medida vai ser a única solución para frear a expansión desta segunda onda, -como así o están a dicir tamén moitas persoas expertas-. E se esa é a mellor opción para frear a COVID, que se adopte canto antes”, alegou Pontón.

A portavoz nacional subliñou que Alemaña xa está recorrendo ao confinamento cando a incidencia por cada 100.000 habitantes é moito menor que a de Galiza, polo que insta ao Goberno de Feixóo a liderar a adopción de medidas contundentes. “Esperar non é unha opción, cando se trata de salvar vidas. Por iso pedímoslle ao Goberno da Xunta que actúe con decisión, que lle plante cara á situación de descontrol da pandemia e que aposte por un confinamento como a mellor maneira de preservar a saúde dos galegos e das galegas. Non só debe ser este o principal obxectivo, senón que ademais, implica poñer as bases para salvar empregos”, afondou.

“Non esperemos a poñer en marcha unha medida contundente e eficaz, se hai que facelo, e os datos son contundentes, fagámolo, sen medias tintas, non é o momento de practicar a técnica da avestruz, a política de esconderse senón de liderar. É o momento de tomar medidas claras, rotundas e contundentes para frear a pandemia”, insistiu na súa intervención parlamentaria.

Peche encuberto da hostalería

En relación á situación de crise económica, Pontón reclamoulle ao titular de Economía, Francisco Conde, que se adopten medidas de axuda aos colectivos máis afectados, como os e as traballadoras autónomas e a sectores que están á bordo da quebra como a hostalería, “que en realidade está soportando un peche encuberto sen recibir ningunha axuda. Por exemplo, cidades como Ourense un mes de peche encuberto sen recibir ningún apoio ou compensación”.

A portavoz do Bloque alegou que se o Goberno do PP considera necesario pechar un sector que xera miles de postos de traballo, hoxe en xogo, “dean a cara, que decreten ese peche e habiliten axudas como se fixo na primeira onda da pandemia. O que non é de recibo é este peche encuberto da hostalería, que o leva a ruína e a perda masiva de empregos, sen recibir ningunha compensación nin axuda”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG