O BNG propón un Plan de resposta á crise que mobiliza 1.000 millóns para axudar aos galegos e ás galegas a saír adiante

Imaxe da reunión mantida hoxe pola Executiva Nacional
Imaxe da reunión mantida hoxe pola Executiva Nacional

Pontón avanza que o Bloque levará a proposta ao Parlamento coa vontade de chegar a acordos para buscar unha saíde xusta e galega ante a crise.

“O BNG presenta medidas concretas ante un Goberno do PP cruzado de brazos que nin está nin se lle espera e cun presidente da Xunta sen ideas de futuro, incapaz de achegar solucións á cidadanía”, recalca.

Plan de rescate das persoas máis desfavorecidas; programa de medidas para salvar sectores estratéxicos; plan de reforzo de servizos públicos esenciais; plan de fomento do transporte público e da mobilidade; fondo extraordinario de investimento en enerxía, vivenda e auga e fondo extraordinario de apoio aos concellos, eixos da proposta.  

O Bloque propón un Plan de Resposta á crise de prezos coa mobilización de 1.000 millóns de euros, unha proposta de medidas para axudar aos galegos e galegas a saír adiante no complexo contexto actual e que presentará aos axentes sociais e levará ao Parlamento galego “coa vontade de chegar a acordos a favor da maioría social e para buscar unha saída xusta e galega ante a crise”.

Así o anunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, logo da primeira reunión da Executiva Nacional para abordar o inicio do curso político. “Dende o BNG poñemos sobre a mesa medidas concretas, propostas realizables, para poder saír adiante desta crise e facelo buscando a xustiza social fronte a un Goberno do PP que está instalado na pasividade e nunha política de promoción persoal do señor Rueda, pero sen darlle ningún tipo de propostas nin de alternativa aos galegos e ás galegas no medio da maior crise de prezos en 40 anos”, afirmou.

Así pois e segundo explicou, o Plan deseñado polo BNG engloba tanto medidas inmediatas e puntuais, “de choque para axudar ás rendas máis baixas”, como medidas de carácter estrutural que permitan a Galiza afrontar as transformacións necesarias para aproveitar as súas potencialidades.

Deste xeito, a proposta articúlase sobre seis eixos: plan de rescate de persoas vulnerábeis e máis desfavorecidas; programa de medidas para salvar sectores estratéxicos da economía e garantir o emprego; plan de reforzo de servizos públicos esenciais, plan de medidas de fomento do transporte público e da mobilidade; fondo extraordinario de investimentos en enerxía, mobilidade, vivenda e auga e fondo extraordinario de apoio a concellos.

Sobre o plan de rescate de persoal vulnerábeis e máis desfavorecidas, dotado dun fondo de 110 millóns, apuntou o incremento de 100 euros do complemento autonómico ás pensións non contributivas, aumentar a RISGA e facela compatible co Ingreso Mínimo Vital, incrementar as axudas fronte á pobreza enerxética e para os gastos básicos de vivenda e recuperar a Tarxeta Básica coa que se axudaba ás rendas máis baixas na compra de alimentos e produtos básicos.

En relación ás medidas destinadas aos sectores estratéxicos, un programa dotado con 175 millóns, a líder nacionalista referiuse nomeadamente aos sectores da industria, o mar, os relacionados co rural e ao conxunto da hostalería, con medidas de apoio e axudas directas tanto para empresas -con especial atención a PEMES, persoas autónomas e cooperativas-, como ao sector primario para compensar os incrementos extraordinarios de custos que está padecendo.

De igual xeito, apostou por que a Xunta asuma un papel activo á hora de desenvolver compras centralizadas de enerxía e de insumos para estes sectores, como fórmula para abaratar os altos custos, e pola posta en marcha dun programa de apoio á economía local, con medidas concretas para a hostalería e o comercio de proximidade. 

Gratuidade de libros escolares, contratación de 1.000 docentes, Plan de Choque para Atención Primaria e tarifa plana no transporte público, entre as medidas

O terceiro eixo de actuación supón o reforzo con 325 millóns dos servizos públicos esenciais (sanidade, educación e coidados), cun Plan de choque de 200 millóns para a Atención Primaria, a incorporación de 1.000 profesores e profesoras máis no ensino e a gratuidade dos libros de texto e material escolar neste inicio de curso. “Sabemos que para as familias que teñen nenos e nenas na escola, setembro é un mes moi duro e esta sería unha medida de xustiza social nun momento de tantas dificultades”, subliñou.

Para o fomento do transporte público e da mobilidade, apostou por mobilizar 40 millóns de euros para poñer en marcha medidas como a gratuidade das autovías dependentes da Xunta, a bonificación do transporte público a través dunha tarifa plana para as persoas usuarias habituais ou a gratuidade do bus para estudantes, persoas paradas e persoas con ingresos por debaixo dos 20.000 euros.

Pontón defendeu tamén a articulación dun fondo extraordinario de investimentos en enerxía, mobilidade, vivenda e auga, con medidas de apoio ao acceso á vivenda, programas de autoconsumo enerxético e para comunidades enerxéticas locais ou o desenvolvemento de infraestruturas hidráulicas urxentes.

E, por último, considerou preciso articular un fondo extraordinario tamén para os concellos, que, cunha dotación de 50 millóns, contribúa a que poidan afrontar o incremento de custos e as axudas de emerxencia social.

Reunión Executiva Nacional

“Alternativas e medidas concretas ante a pasividade do Goberno galego”, recalcou a portavoz nacional do BNG, quen considerou “imperdoable que no medio da maior crise de prezos en 40 anos, con tantas familias afogadas, con tantas PEMES e autónomos e autónomas facendo esforzos para saír adiante, a Xunta estea de brazos cruzados, cun presidente ausente e sen ideas”.

“A Xunta que preside o señor Rueda nin está, nin se lle espera”, advertiu, para engadir a continuación que o actual presidente do Executivo galego é “incapaz de defender os intereses de Galiza e incapaz de utilizar a Xunta para poñela ao servizo da cidadanía no medio desta crise”. “Vemos ao señor Rueda moi preocupado pola súa imaxe persoal, dándose moitos paseos en moto, pero sen ofrecer ningunha solución aos graves problemas que hoxe ten a inmensa maioría dos galegos e das galegas”, subliñou.

E, neste sentido, advertiu que esta crise de prezos non fai máis que acrecentar “a desfeita social e económica que deixa o PP en Galiza” e que resumiu en cinco cifras: 218.000 mozos e mozas que emigraron nun País que ten unha brutal crise demográfica; 925 camas hospitalarias pechadas; 138 centros de ensino públicos pechados, un de cada dez; 38.300 empregos destruídos na industria, no agro e a pesca; e 600.000 persoas en situación de pobreza, coa porcentaxe de persoas pensionistas en situación de pobreza extrema máis alta do Estado.

Neste contexto, e ante a pasividade do Goberno galego diante da crise, Pontón tamén asegurou que a Xunta é “refén da estratexia estatal que ten o PP, que cre que canto peor para a maioría dos galegos e das galegas, mellor lle irán os intereses electorais do señor Feijóo”. “Esta é a peor cara da política e esta é a maior irresponsabilidade que está cometendo o PP en Galiza”, afirmou para concluír a continuación reclamando “un cambio de rumbo” e que a “Xunta se poña a traballar xa para poñer enriba da mesa solucións reais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG