BNG propón un Plan de Mellora da Atención Primaria e un protocolo unificado que defina a atención presencial e a telefónica

Montserrat Prado
Montserrat Prado

Montserrat Prado defenderá no Parlamento galego un paquete de medidas para recuperar e incrementar a calidade asistencial en centros de saúde e PACs

Reclama a desescalada do primeiro nivel sanitario e advirte que o seu deterioro pode chegar a un “punto de non retorno” se non se actúa de inmediato

BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego na que propón un paquete de medidas para normalizar a actividade e mellorar a calidade asistencial da Atención Primaria cuxo deterioro, segundo advirte, “pode chegar a un nivel de non retorno se non se actúa de inmediato”.

Así o explica a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, quen defenderá na Cámara a posta en marcha dun Plan de Mellora da Atención Primaria e a desescalada do primeiro nivel asistencial do sistema sanitario. “A Xunta está desescalando a actividade económica, lúdica e social, polo que non hai ningunha xustificación para non facer o mesmo coa atención sanitaria e empezar pola Atención Primaria”, incide.

Para isto, Prado considera urxente dotar a sanidade pública dos recursos necesarios e recorda que, un ano despois do inicio da pandemia, calquera patoloxía distinta da COVID19 require semanas de espera, cunha porcentaxe de presencialidade que non chega ao 50% e que está a provocar un malestar social e profesional cada vez máis elevado. “Non é posible atender unha situación excepcional como a actual durante máis dun ano, sen máis recursos e obrigando ás e aos profesionais a traballar con déficits de persoal e cada vez máis esgotados”, alerta.

Ante esta situación, o BNG propón, en primeiro lugar, normalizar a atención presencial, incrementando o número de profesionais e implementando os protocolos preventivos necesarios, para poder así dar resposta ás necesidades sanitarias da cidadanía, tanto no referido ao coronavirus como ao resto de patoloxías, rematando deste xeito coas listas de espera e as colas ás portas dos centros de saúde. 

En segundo lugar, defende a necesidade de establecer un protocolo claro e unificado para todos os centros de Atención Primaria que garanta un acceso equitativo para todos e todas as galegas. “Hai que definir claramente que se atende presencialmente e que por teléfono”, recalca Prado, logo de advertir que, segundo a área sanitaria e o centro de saúde que lle corresponde a cada persoa, “estase producindo unha falta de equidade manifesta tanto para acceder aos propios centros, como na presencialidade da atención e no seguimento das e dos doentes”.

Así, exemplifica co caso da reclamación neste sentido dun doente que na resposta facilitada pola Área Sanitaria da Coruña e Cee se lle explicita que cada centro ten implantadas unhas medidas organizativas e de protección individual e colectiva.    

Neste ámbito de actuación, o Bloque avoga tamén por aumentar e mellorar a rede e dotar dos profesionais necesarios a atención telefónica para que esta se preste sen demoras e coa calidade necesaria. De igual xeito, propón o reforzo dos equipos de limpeza dos centros de saúde e PACs para avanzar con toda a seguridade na desescalada sanitaria.

Así mesmo, propón un Plan de Ordenación de Recursos Humanos, cun sistema de identificación de prazas a partir do cal se realice un axeitado dimensionamento dos cadros de persoal que rematen coa sobrecarga actual e coa precariedade laboral. “As e os profesionais non son de goma, non se poden estirar indefinidamente; se non se aumentan os recursos é imposíbel dar resposta ás necesidades sanitarias das galegas e dos galegos”, subliña, para a continuación afear que “a falta de profesionais e recursos non se solucionan cunha app, que vén de anunciar a Xunta”.

Por último, a portavoz de Sanidade afonda no Plan de Mellora proposto polo Bloque para a Atención Primaria, que inclúe o compromiso dun aumento progresivo orzamentario ata chegar ao 25% e a creación de xerencias propias, con capacidade de decisión orzamentaria e de recursos humanos.

Na proposta nacionalista tamén se recolle o acceso ás probas diagnósticas, o incremento do número de profesionais en todas as categorías, tanto nos centros de saúde como nos PACs, e a incorporación á carteira de servizos da Atención Primaria de categorías imprescindibles (psicoloxía clínica, terapia ocupacional, logopedia, podoloxía ou traballo social, por citar algunhas) que permita a creación de equipos multidisciplinares para prestar unha atención sanitaria integral.

“Só poñendo recursos enriba da mesa e tendo claro que a Atención Primaria é chave na atención sanitaria é posible sacala do pozo no que está metida”, conclúe Prado.    
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG