congreso

BNG propón un Plan Integral de reforma e mellora da N-640

Néstor Rego
Néstor Rego
Ante as múltiples deficiencias desta estrada que vai da Mariña até Vilagarcía, Rego defende un Plan que inclúa medidas para corrixir os tramos perigosos, rehabilitar o firme e adaptar a vía ao perfil de  travesías urbanas

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar na cámara baixa unha proposta para que o Ministerio de Transportes aprobe un Plan Integral de reforma e mellora da N-640, dadas as numerosas deficiencias, problemas de seguranza viaria e mal estado do firme en moitos tramos do seu percorrido.

A N-640 atravesa Galiza desde A Mariña (Ribadeo) até Vilagarcía de Arousa, “sendo o principal eixo de comunicación viaria entre Lugo e Pontevedra posto que non hai alternativa dunha vía de alta capacidade. De aí a necesidade de mellorar o seu estado”, subliña Rego.

Ademais, esta estrada discorre por comarcas e vilas de importante pulo socio-económico como Lalín, Silleda, A Estrada, Vilagarcía de Arousa. “Nos últimos anos rexistrou un aumento do volume de tráfico o que, unido ao mal estado do seu firme en numerosos traxectos, deu lugar a un incremento dos problemas de seguranza viaria”. A N-640, salienta Néstor Rego, adoece unha mala configuración debido a un trazado sinuoso con curvas perigosas, sobre todo na zona da Agolada.

Unha vía que funciona como travesía urbana en moitas localidades de Lugo e Pontevedra

Outro factor a ter en conta é que este vía conecta localidades e funciona como a principal travesía urbana en municipios de Lugo como Meira, Monterroso, A Pontenova, Antas de Ulla, e outros de Pontevedra como A Estrada, Silleda, Caldas de Reis ou Vilagarcía, outro elemento de risco para a seguranza viaria. Neste sentido, indica o deputado do BNG, serían precisas medidas de calmado de tráfico: sinais de redución de velocidade, semáforos, pasos de peóns ou pasos elevados como se ten reclamado na Estrada e na Pontenova.

Mal estado do firme e tramos perigosos

É preciso corrixir tramos perigosos como o situado entre Meira e Trabada e na área de Monterroso.  Habilitar carrís para vehículos lentos no tramo de subida a Marco de Álvare.

O mal estado do firme é unha constante ao longo do seu percorrido. “É un clamor en Monterroso, Antas de Ulla, en Lalín ou Agolada. Non houbo investimentos habituais en mantemento, só actuacións puntais que co tempo non serviron de nada”.

Rego conclúe que “toda esta listaxe de problemas é mellor abordalos mediante un Plan Integral que recolla actuacións como as sinaladas e ofrezan solucións para unha estrada que como outras de titularidade estatal foi superada pola evolución da poboación por onde discorre, alcanzando características de vía urbana pero sen tela adaptado a este perfil. Noutra orde, faise imprescindíbel enfrontar os problemas derivados da propia configuración da vía. A mellor maneira de solucionar todos estes problemas é cun Plan Integral”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG