BNG propón “unha nova estratexia galega” para loitar contra o acoso escolar

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
A proposición non  de  lei, con sete puntos e a participación dos diferentes colectivos vinculados a diferentes ámbitos, busca o consenso das forzas políticas para facer fronte ao acoso como problema “escolar e social”  

O portavoz de Educación do BNG,  Manuel Lourenzo propuxo “unha nova estratexia galega” para loitar contra o acoso escolar coa implicación das forzas políticas e comunidade educativa.

A proposta nacionalista, en forma de proposición non de lei, recolle sete puntos e a intención de acadar o apoio de  todas as  forzas políticas ante o que considerou un “problema escolar pero tamén social”.

Lourenzo afirmou que a iniciativa nacionalista nace coa vontade de converterse “nun gran  acordo de país” que aglutine a docentes, psicólogos, orientadores, para situar o acoso escolar como problema central e prioritario na axenda política.

A día de hoxe asegurou que  existen “milleiros de nenos e nenas que acudiron ao colexio con medo” porque padecen violencia física, verbal e psicolóxica, nas redes sociais,  nas aulas e na súa vida. Unha violencia á que a administración e a sociedade debe dar resposta. O deputado aludiu ao informe de Amnistía  Internacional “Hacer la vista gorda, el acoso escolar en España, un asunto de derechos humanos", documento que reflicte a ausencia de medidas sobre o respecto dos dereitos de nenos e nenas e conclúe que as formas “non físicas” do acoso escolar pasan desapercibidas e non son  recollidas nas canles preceptivas.

Un de cada tres nenos e nenas sofren acoso escolar algunha vez na súa vida

Na actualidade en Galiza, explicou o deputado, a  estratexia escolar e o Consello escolar para a Comunidade autónoma non están a aportar solucións as situacións de “vulnerabilidade” dos nenos e nenas e engadiu que o propio decreto da lei non contempla un apartado específico sobre” acoso escolar” nin os obxectivos do consello recollan a palabra “acoso”. Polo tanto, recalcou  “urxe un grande consenso” porque os datos son elocuentes. O informe da Unesco do ano 2019 confirma que “1 de cada 3 nenos ou nenas sofre acoso escolar ao longo da súa vida” e no informe da Xunta sobre estratexia escolar sinala que “o 21,8% dos nenos galegos afirman ter padecido acoso algunha vez na súa vida”.  Paradoxicamente, o  informe do Ministerio de Educación do ano 2017 recoñece 71 casos en todo o ano, as contas son claras, sentenciou o nacionalista, “en Galiza temos unha comunidade educativa con 250.000 alumnos en idade de escolarización e o 21,8% recoñece  ten sufrido acoso nalgunha ocasión pero oficialmente só temos 71 casos rexistrados cando segundo o propio informe teriamos que estar a falar de 30 ou 40 mil casos”.

Proposta do BNG contra o acoso escolar

Para o parlamentario, o acoso escolar é “o fracaso do propio sistema e da sociedade” é resulta necesario abordar esta problemática en toda a súa dimensión de aí a nosa proposta para rematar cos roles de acosador e acosado que en moitas ocasión chega a inverterse.

Dende o BNG, reiterou Lourenzo,  queremos centrar no debate educativo e social o acoso escolar e a nosa iniciativa é un punto de partida para acadar o consenso das forzas parlamentarias, a comunidade educativa e sectores sociais implicados. Neste sentido anunciou os sete puntos da proposición non de lei:

  1. Unha Mesa de traballo con representantes dos grupos parlamentarios, Ampas, psicólogos, docentes e axentes vinculados á loita contra o acoso escolar.
  2. Campañas de sensibilización contra o acoso escolar, fuxindo “do panfleto” e centrada  no problema.
  3. Un plan de formación para toda a comunidade educativa contra o acoso escolar.
  4. Reforzo dos centros educativos con persoal e recursos necesarios.
  5. Crear unha rede de orientación para unificar criterios contra o acoso escolar.
  6. Creación dunha liña telefónica e dixital que nos permita trazar os datos.
  7. Unidade de profesionais para facer fronte aos casos de acoso no ensino.

O parlamentario mostrou a súa confianza no apoio do resto das forzas políticas cara un grande acordo para avanzar nunha solución contra o acoso escolar.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG