CONGRESO

BNG propón nos orzamentos unha partida de 200 millóns para asegurar a intervención de Alcoa

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego ve imprescindíbel facer unha previsión nos Orzamentos Xerais do Estado para a nacionalización do complexo de San Cibrao, asegurando desta forma a continuidade da actividade e dos postos de traballo. O deputado nacionalista lembrou que recentemente o Congreso e o Parlamento da Galiza aprobaron iniciativas do BNG, instando os Gobernos español e galego a nacionalizar Alcoa.
BNG propón nos orzamentos unha partida de 200 millóns para asegurar a intervención de Alcoa

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, anunciou que, entre as emendas aos Orzamentos Xerais do Estado que a formación nacionalista vén de rexistrar está prever unha partida de 200 millóns de euros para a intervención pública da factoría de Alcoa en San Cibrao.

Rego salienta que a negativa da multinacional norteamericana a vender a planta de aluminio só deixa a vía da intervención pública para garantir a continuidade da actividade na comarca da Mariña e o mantemento da totalidade dos máis de 1.000 postos de traballo afectados polo fechamento da planta. Por esta razón, o BNG ve imprescindíbel que se prevexa unha partida nestes orzamentos que permita afrontar a nacionalización do complexo de San Cibrao.

O deputado nacionalista lembrou que hai unhas semanas foi aprobada no Congreso dos Deputados unha iniciativa do BNG instando o Goberno español a iniciar a intervención pública de Alcoa para salvar os postos de traballo e evitar a parada das cubas. Néstor Rego lembra que esta iniciativa “foi apoiada polos dous partidos do Goberno do Estado, PSOE e Unidas Podemos, así como polo Partido Popular, que detén a presidencia da Xunta de Galiza”. Unha iniciativa similar foi aprobada tamén no Parlamento da Galiza.

Rego reiterou que a solución ao fechamento de Alcoa non virá da man de decisións xudiciais, polo que resulta preocupante que, quer a Xunta quer o Ministerio, se inhiban de actuar e se limiten a esperar a decisión dos Tribunais en lugar de tomar a iniciativa e dar unha saída política á situación pola vía da intervención pública, a única posíbel neste momento.

Os nacionalistas instan o Goberno español e o Goberno galego a se poren de acordo para actuar da forma máis inmediata posíbel para garantir que a intervención da planta de aluminio saia adiante e advirten que calquera resultado que acabe en cesamento da actividade e despedimentos será tanto responsabilidade de Alcoa como de ambas administracións.

 

BNG propón nos orzamentos unha partida de 200 millóns para asegurar a intervención de Alcoa