BNG propón modificar o IRPF para evitar a dupla imposición internacional das pensións xeradas en Alemaña logo de 2014

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández defende a simplificación do procedemento para que as e os galegos afectados non se vexan abocados a renunciar aos seus dereitos

BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei para que a Xunta demande do Goberno estatal a modificación da norma que regula o mecanismo para evitar a dupla imposición internacional das pensións xeradas en Alemaña despois do ano 2014, percibidas por residentes no Estado español e entre os que se atopan un bo número de galegos e galegas.

Trátase, en concreto, de modificar o artigo 80 da Lei 35/2006 do IRPF no referido á dedución por dupla imposición internacional co obxectivo de simplificar o procedemento establecido e evitar gastos derivados do mesmo, de xeito que as e os galegos que teñen dereito a realizar a correspondente dedución non renuncien ao mesmo por trabas burocráticas.

Así, o portavoz nacionalista de Economía, Mon Fernández, explicou que a norma fiscal establece criterios de tributación diferentes para os casos das pensións alemás segundo a súa orixe estea nun traballo no sector público ou no privado. Para as prestacións xeradas neste último, establécese o principio de tributación no Estado onde o perceptor teña a súa residencia efectiva, mais existen unha serie de excepcións, de acordo coa lexislación aplicable a seguros sociais, para as pensións xeradas despois do ano 2014, segundo a cal, tamén poderán estar sometidas a gravame en Alemaña, cun límite de imposición sobre o importe bruto dun 5% ata o ano 2029 e do 10% a partir do ano 2030.

Será neste caso cando a persoa afectada poderá aplicar o mencionado artigo 80 do IRPF, que establece que o contribuínte poderá deducirse o importe efectivo satisfeito no estranxeiro por razón dun imposto de natureza idéntica ou análoga, explicou Fernández, quen engadiu a continuación que “os problemas xorden, como tantas veces, cando queremos facer efectivo este dereito, porque o procedemento resulta abondo complexo e custoso como para que unha boa parte dos galegos e galegas con dereito a realizar esta dedución decidan non aplicala”.

Procedemento complexo e gastos inxustificados por traducións

O deputado nacionalista explicou a problemática cun exemplo concreto que facilita a súa comprensión: neste ano, no exercicio tributario 2021, unha persoa perceptora dunha pensión alemá que xerara o seu dereito no ano 2015 estará obrigada a presentar declaración do IRPF por ter ingresos por rendas do traballo superiores a 14.000€ e non estar suxeitas a retención, como é o caso das pensión do estranxeiro.

En función do calendario fiscal do Estado español debe presentar a súa declaración antes do día 30 de xuño de 2022, incluíndo os rendementos obtidos aquí e a pensión do estranxeiro e, xusto despois, no mes de xullo, en función do calendario fiscal do Estado alemán e a requirimento da facenda xermana, ten que enviar por correo o formulario tributario para serlle aplicado o imposto do exercicio de 2021. É no mes de novembro cando lle será descontado pola Facenda alemá o importe correspondente ao tributo de 2021, un 5%.

Pero é que, ademais, para evitar a dupla imposición esta persoa deberá presentar na Axencia Tributaria española unha solicitude de rectificación da autoliquidación, mediante un escrito no que solicite a rectificación da declaración presentada antes do mes xuño -a fin de que se lle aplique a dedución por dobre imposición internacional, e consecuentemente, a devolución dos ingresos indebidos- e os correspondentes xustificantes do pago do imposto no estranxeiro, que deben ser traducidos todos eles a unha das linguas oficiais do Estado.

É dicir, que como quedou exemplificado, a complexidade deste procedemento fai que moitas persoas “deban acudir a xestorías ou asesorías para realizar os trámites correctamente”, advertiu Fernández, quen apuntou que un dos problemas fundamentais radica en que no momento de realizar a declaración no Estado español, “o contribuínte aínda non realizou a tributación na facenda alemá e, polo tanto, non pode xustificar a realización dunha dedución por dupla imposición na súa autoliquidación”. É a partir de novembro, cando a facenda alemá xa cobrou efectivamente e emite o correspondente xustificante, cando a ou o contribuínte poderá solicitar a rectificación da súa declaración e a devolución da cantidade ingresada indebidamente.

Coa proposta presentada polo BNG para a modificación do artigo 80 do IRPF, a ou o contribuínte podería practicar a dedución na declaración do exercicio en que efectivamente pagou o imposto no estranxeiro e, ademais, evitaría os custes de tradución -que a formación nacionalista considera inxustificados por tratarse de documentación oficial emitida en modelos normalizados que a Administración española debe coñecer-, ao eliminarse a citada obriga de tradución a unha das linguas propias. Pese aos argumentos do deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG