O BNG propón unha modificación orzamentaria para destinar 223 millóns para mellorar a atención primaria

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón a Feixóo: Os problemas da sanidade non se solucionan nin con propaganda, nin con travestismo político nin con cartas para agochar que hai unha revolta contra a política de recortes e privatizacións do PP

O BNG propón unha modificación orzamentaria para destinar 223 millóns para mellorar a atención primaria

O BNG considera que os problemas da sanidade pública non se solucionan nin coa propaganda da Xunta, nin con misivas de última hora nin co travestismo político de Feixóo, quen non deixa de auto emendarse desde o cambio de inquilino na Moncloa, senón revertendo os recortes e as privatizacións con máis recursos e persoal.

Por iso, a portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que vai defender no Parlamento unha proposición de lei para modificar os orzamentos de 2019 e destinar 223 millóns de euros a un plan de financiamento urxente da atención primaria, a máis damnificada tras un recorte acumulado de 2.000 millóns de euros na última década.

“Os graves problemas da sanidade pública non se solucionan con mentiras, propaganda electoral nin con cartas”, salientou Pontón en referencia ao escrito remitido polo xefe do Executivo ao Goberno de Sánchez  reivindicando medidas, como a supresión da taxa de reposición, que aplaudía baixo o mandato de Raxoi.

Neste sentido, a líder nacionalista propón que Feixóo empece a actuar sobre os seus propios recursos como presidente de Galiza antes de “pedir permiso a Madrid” para destinar máis fondos para sanidade. De aí a proposición de lei do BNG, ao tempo que lle recomende que “se quere aprender do nacionalismo vasco” sobre como manter un sistema de saúde pública de calidade asuma unha lección importante: “Que é  posible en gran parte porque Euskadi ten un concerto económico para financialo”.

Por iso, recoméndalle que se sume á proposta do Bloque dun concerto económico que daría a Galiza 3.500 millóns de euros adicionais que permitirían, entre outras cuestións, blindar a sanidade pública.

“Cunha carta non se pode agochar que hai unha folga convocada en atención primaria”, alegou Pontón, quen cualificou de “insulto” que a Xunta se gaste 500.000 euros en carteis para rotular como públicos os hospitais mentres hai moitos nenos e nenas que non teñen atención pediátrica.

Entre os problemas que o BNG quere atallar con esa inxección orzamentaria de 223 millóns de euros, a masificación das consultas, a falta de persoal, as listas de espera en primaria ou o pouco tempo de atención que poden prestar os e as profesionais ás persoas doentes. Ademais, tamén propón incrementar a oferta de prazas porque a prevista pola Xunta é insuficiente para cubrir as necesidades actuais e menos as xubilacións masivas que se darán no próximo quinquenio. Por iso, a formación nacionalista insiste en reclamar a convocatoria das 6.067 prazas vacantes que existen no SERGAS.

Pontón insistiu en que a “revolta” de profesionais e [email protected] contra a política de recortes e privatizacións do PP non se vai frear con manipulacións nin con propaganda, nin con “artimañas” dun presidente da Xunta “que colleu ciumes dos venres de Sánchez e pretende facer os xoves de Feixóo”, ironizou.