O BNG propón mobilizar 1.600 M€ para que as contas de 2021 atendan as necesidades de Galiza no contexto de crise COVID

Presas: “os orzamentos da Xunta son rutineiros e unha oportunidade perdida cando van ser os únicos expansivos de toda a lexislatura”

Prioridades: sectores ao borde da ruína, reforzar a sanidade e sentar as bases dun modelo económico verde baseado na ciencia e investigación

O BNG fai unha emenda a totalidade aos orzamentos da Xunta porque, salienta a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, “son unha oportunidade perdida e unha contas rutineiras que se presentan como senón existira unha pandemia”,  como se 2021 fose un ano máis cando debe ser o do inicio da reactivación económica e social.

Por iso, de cara ao debate parlamentario, o Bloque fai unha proposta alternativa para mobilizar 1.600 millóns de euros con tres obxectivo: atender as urxencias de sectores económicos ao borde da ruína, reforzar a sanidade pública e sentar as bases para unha economía verde baseada na ciencia e na investigación, explica Presas.

Ademais, a responsable de Economía subliña que estes van ser “os únicos orzamentos expansivos de toda a lexislatura, porque contarán con fondos extraordinarios e non podemos estragar esta oportunidade cun Goberno do PP instalado na rutina ignorando un escenario de crise sen precedentes”.

Presas destaca algunhas das propostas que inclúe o BNG para mellorar as contas de 2021 mediante a reformulación e mobilización de fondos. Neste sentido, inclúe no ámbito económico 100 M€ en axudas directas “para o sector da hostalería e do turismo, que beneficia a milleiros de traballadores autónomos e autónomas”. 

No ámbito sanitario, 250 M€ para reforzar a atención primaria e 100 M€ para fomentar a contratación estable na sanidade e reducir as listas de espera no SERGAS. E no ámbito social, 40 M€ para incrementar as pensións no contributivas, “medida que beneficia a 38.000 persoas con ingresos mínimos”, e 240 M€ para reforzar o ensino público e acabar coa fenda dixital, “nun momento en que a teledocencia demostrou que hai alumnado que pode quedarse atrás por falta de medios”, explicou.

“Son algunhas das propostas que imos defender no debate de orzamentos para que Galiza teña unhas contas enfocadas a paliar as consecuencias da pandemia e non imos conseguilo cunhas contas rutineiras que repiten un esquema fracasado no económico e no social, que nin blinda os servizos públicos, nin facilita a creación de emprego. Faremos o posible para que do debate parlamentario saían unhas contas que se parezan máis ao que Galiza necesita”, concluíu.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG